Este centro de saúde vén a substituír ao actual, polo que o traslado vaise realizar a partir das 12.00 horas dese venres, de xeito que nesa mesma xornada vespertina os profesionais de tarde xa pasarán consulta nas novas instalacións. En caso de que algún usuario requirise atención inmediata e non demorable na franxa horaria entre as 12.00 e as 15.00 horas será atendido no centro cabeceira da comarca do Val Miñor.
Esta nova dotación -que atende a unha poboación de 10.615 tarxetas sanitarias, das que 1.178 son menores de 15 anos- conta cunha superficie construída de 1.611 metros cadrados, o que supón un incremento de 990 metros cadrados, un 159,45% máis respecto ao espazo do que se dispoñía ata agora.
A infraestrutura, na que se investiron 2,3 millóns de euros, conta na área médica con seis consultas de medicina xeral, seis de enfermería, unha consulta de matrona e unha sala de educación social, unha sala de toma de mostras, unha sala técnica, unha sala polivalente e unha sala de atención ás Urxencias.
Na área pediátrica dispón dunha consulta de pediatría e dunha de enfermería pediátrica. Tamén ten, entre outras dependencias, unha área de admisión e un espazo específico para traballo administrativo así como de dous locais de almacén.