Ao finalizar, sobre as 13:00 horas no Bar D’Arriba, no núcleo de Chandebrito, o Concello ofrece o concerto folk de ‘Acordeireta’, dúo formado por Patricia González Iglesias (voz e pandeireta) e Alejandro Balbuena Ojea (acordeón, bombo e voz).
Estes traballos de escavación, consolidación e restauración rematarán a final de mes despois de levar a cabo dúas intervencións, a segunda delas financiada integramente por parte do Concello con 31.556 euros a través do Plan Concellos 2018.
Así, a partires de decembro, calquera visitante que se achegue ata o seu cume poderá apreciar ‘in situ’, e por vez primeira, restos de tres antigas murallas e de tres construcións cuxa función aínda se descoñece, todo elo sinalizado nunha situación con impresionantes vistas á ría de Vigo. A maiores, o plan de divulgación incluirá unha reconstrución virtual web de toda a contorna e os seus achados.
O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos.
Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, lá e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa).