O edil de Cultura, Abel Losada, trasladou o apoio do Concello á música clásica en Vigo e, en concreto, á Orquestra Vigo 430, que recibe unha axuda de 125.000 euros anuais para desenvolver a súa actividade e para «favorecer a conformación dun tecido cultural arredor da música clásica».
Javier Escobar, director artístico da Orquestra Vigo 430, agradeceu o apoio municipal «desde hai anos, sen o que non sería posible desenvolver o proxecto da orquestra nin este programa» e adiantou que a 2019-2020 é a «mellor temporada en termos cualitativos» das que levan realizado ata este momento.
Ao respecto do programa, explicou que está realizada «ao cento por cento dende a cidade» combinando a achega de primeiras figuras da música europea xunto aos mellores profesionais galegos, reforzados co alumnado do Conservatorio Superior de Música de Vigo, o que «supón un plus para eles na súa formación». Haberá un concerto mensual, entre novembro de 2019 e maio de 2020 con recitais sinfónicos, música de cámara e sección de música barroca. Tódolos concertos terán lugar no Auditorio Martín Códax.
O director artístico da Vigo 430 destacou tres das citas: o 20 de decembro, cunha das «maiores figuras da música clásica nestes momentos, o director e solista Maxim Rysanov»; o 16 de febreiro contarán coa presenza da violinista Rosanne Philippens dirixindo a orquestra desde a posición de concertino cun programa dedicado integramente a Beethoven e o 20 de marzo, poderá gozarse de «A paixón segundo San Xoán de Bach» dirixida por unha das mellores especialistas de música barroca, Lina Tur Bonet.
Amais, a Orquestra Vigo 430 seguirán contando co programa «Escoitantes», co que Cándido Cabaleiro ofrece sesións previas aos concertos para descubrir os programas de forma amena e accesible co fin de achegar este xénero ao público xeral. Neste obxectivo tamén se enmarca o prezo das entradas, entre 5 e 10 euros, para facelas accesibles a toda a cidadanía.