Este proxecto está enmarcado na estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea, que custean o 80% da actuación. As arcas municipais asumen o 20% restante.
A reforma creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, e manterá a circulación de vehículos nos dous sentidos. Estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradable e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.
As obras comezarán a partir do 7 de xaneiro de 2020 para garantir o bo desenvolvemento comercial na época de Nadal. Ademais, antes desa data o arquitecto responsable, a empresa adxudicataria, os comerciantes e os praceiros manterán unha reunión para falar dos detalles da obra e para estudar como se desenvolve a actividade comercial durante o período de execución.
Este proxecto súmase aos xa postos en marcha como a humanización de San Roque I tramo e Alto da Gloria, ademais doutros procesos que xa están en tramitación. Esta obra, como outras, contou cun proceso previo de participación cidadá.