«Por lei, antes de conceder o servizo, ten que quedar regulado e no documento queda reflectido que o Concello organizará e controlará tanto as liñas como as paradas, tarifas, horarios e títulos», sinalou o concelleiro Javier Pardo durante a súa exposición.
Xabier Pérez Igrexas (BNG) criticou que o Goberno local non atendera as súas demandas para así, segundo entende, impoñer as súas directrices de xeito unilateral, un extremo co que coincidiu Rubén Pérez (Marea de Vigo), que lembrou ademais o ocultismo co que se sacou adiante este regulamento.
Tal e como expuxo, o Concello de Vigo non anunciou publicamente a apertura do prazo obrigatorio para recibir propostas que enriquecesen o regulamento, ata que transcendeu a noticia ao decatarse o seu grupo político.
Pola súa banda, Alfonso Marnotes, do PP, sinalou que o seu grupo compartía a decisión da xestión indirecta e solicitou axilidade na tramitación do Plan Xeral.
O regulamento forma parte dos traballos preparatorios do novo contrato de transporte urbano colectivo e o obxectivo é regular as condición xerais de prestación e utilización do servizo de transporte urbano e os dereitos e obrigacións de usuarios e empresa. Tras esta aprobación inicial, o regulamento queda a exposición pública e posteriormente volverá ao pleno para o prace definitivo.
Artigo relacionado: El nuevo reglamento de Vitrasa permitirá llevar animales domésticos y patinetes en el bus