No caso do PAS funcionario a convocatoria inclúe 36 prazas correspondentes á taxa adicional para estabilización do emprego; 13 de promoción interna independente; cinco de taxa de reposición e unha de persoal indefinido non fixo. No caso do PAS laboral, das 25 prazas, 21 corresponden á taxa adicional para a estabilización do emprego; tres a promoción interna independente e unha a persoal indefinido non fixo.
A aprobación da convocatoria do programa de captación de talento investigador de excelencia para este ano e os modelos de gobernanza dos campus de especialización, foron outras cuestións que este mediodía recibiron o visto e prace dos membros do Consello de Goberno.
Na sesión ordinaria que se celebrou na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o reitor avanzou ás e aos membros do órgano de goberno a recepción nas últimas horas dun informe da Xunta sobre o Grao en Deseño e Creación, “que vai facer imposible que a titulación se implante o vindeiro curso. Loxicamente imos ter un prazo adicional para facer modificacións profundas sobre a memoria e esperamos que o seguinte curso si que podamos implantalo”, explicou.
En relación co Máster en Enxeñaría Aeronáutica, Reigosa confirmou que a Xunta informou onte da obrigatoriedade de contar coa Universidade de A Coruña para impartilo, “pero ao tempo dá a primacía á nosa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo”. O reitor avanzou que en breve se reunirá coa dirección do centro para abordar esta cuestión e confirmou que a Reitoría “vai esgotar todas as posibilidades para que se implante o vindeiro curso en beneficio dos estudantes que este curso rematan o grao. Creo que sería un obxectivo moi desexable”, dixo.
Reigosa, que comezou a súa intervención manifestando o seu pesar polo falecemento do ex alcalde de Vigo, Manoel Soto, felicitou aos representantes sindicais elixidos nas últimas horas nas eleccións do PAS laboral da Universidade de Vigo nas que en Pontevedra CCOO acadou seis representantes, CIG cinco e UGT dous, mentres que en Ourense CIG sumou cinco representantes. O reitor tamén deu conta no seu informe dos nomeamentos da docente e investigadora do Departamento de Dereito Privado María José Bravo Bosch como directora da Inspección de Servizos, consonte ao recollido nos Estatutos da Universidade de Vigo, e da catedrática do Departamento de Análise e intervención psicosocioeducativa Francisca Fariña Rivera como directora da Área de Convivencia e Xestión Positiva de Conflitos. Reigosa tamén confirmou, “tras moitas negociacións” da continuidade en Vigo do Laboratorio Europeo de Biotoxinas Mariñas, que dirixe a docente e investigadora do Departamento de Química analítica e alimentaria da Universidade de Vigo Ana Gago, á que felicitou polo traballo que está a desenvolver.