Deste xeito, a través desta actuación, proposta pola Rede Española de Cidades polo Clima, a Deputación pretende visualizar a necesidade de asumir compromisos para dar cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030.
Xunto a esta primeira acción, a Deputación de Pontevedra participará tamén no Cumio Mundial do Clima en Madrid a onde foi convidada para afondar sobre os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático. Así, o día da clausura do Cumio (13 de decembro) a presidenta Carmela Silva participará nunha xornada que será inaugurada pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o presidente da FEMP, Abel Caballero, e onde intercambiará reflexións sobre os compromisos internacionais dos gobernos locais coa alcaldesa de Toledo e vicepresidenta da FEMP (Milagros Tolón), o alcalde de Sevilla (Juan Espadas), o de Zaragoza (Jorge Azcón), a alcaldesa de Canyelles en Barcelona (Rosa Huguet), o alcalde de Soria (Carlos Martínez) e a alcaldesa de Gijón (Ana González).
Tamén ao abeiro do Cumio a institución provincial vai lanzar novas actuacións que responden ás propostas lanzadas pola Rede Española de Cidades polo Clima. Neste eido vai promover unha marcha popular polo clima en Pontevedra e Vigo e plantar unha árbore nun municipio da provincia no marco da campaña #UnÁrbolPorEuropa.
O compromiso co medio ambiente e a transición ecolóxica, xunto á igualdade, son as grandes áreas protagonistas do mandato de Carmela Silva. Neste eido, tal e como explicou a presidenta, son moitas xa as iniciativas encamiñadas baixo a premisa de “mudar dende o local o global, dirixindo esforzos a dar cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030”.