O Tinglado do Porto converterase entre o 16 de decembro e o 5 de xaneiro, en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos, no escenario do Nadal Solidario que programou a Xunta de Galicia para Vigo con actividades ao longo de todo o día. Unha iniciativa especialmente pensada para as familias e que contará cun espazo solidario, tendo en conta que estas datas son especialmente difíciles para algunhas persoas.
A animación no exterior contará con decoración tradicional, atraccións para os máis pequenos, foodtrucks e unha grande caseta habilitada para que o paxe real recolla todas as cartas dos nenos e nenas aos Reis Magos. Xa no interior, a peza principal será o Nacemento da Catedral de Santiago, xa que as obras que se están a realizar na basílica impiden este ano a súa exposición pública.
Un montaxe medioambiental ocupará a caseta dependente do porto vigués; o Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), e as 14 ONGs participantes estarán moi presentes con espazos propios nos que informarán das súas actividades.
Organizaranse varios talleres nos que os máis pequenos poderán facer experimentos e facer fósiles coas súas propias mans, un obradoiro específico para que avós e netos podan compartir unha experiencia única e un terceiro taller dedicado a creación de xogos reciclados. Asemade, artesáns galegos farán demostracións dos oficios tradicionais.
O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, apuntou Corina Porro, alumnos da Escola de Arte Dramático, o coro infantil da Fundación Mayeusis e do Colexio Montecastelo, a Coral Casablanca e os Bolechas. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
Así mesmo, a programación contará con xornadas especiais para os colexios, centros sociais de maiores e os nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
En canto ás ONGs que terán presenza neste Nadal Solidario organizado pola Xunta, Corina Porro citou a APAM, Aspanaex, San Rafael, San Francisco, Igualarte, Ayuvi, AFAM, Afaga, Asanog, Bicos de Papel, Comedor de la Esperanza, Misioneiras do Silencio, a Asociación STOP para a recollida de xoguetes e a Fundación Balms para a cooperación con Senegal.