A Xunta informou este mercores de que a directora de Turismo mantivo unha xuntanza coa súa homóloga do Porto de Vigo para dar «continuidade» ás reunións mantidas nos últimos meses con Puertos del Estado para avanzar na posta en marcha dunha estratexia que permita «poñer en valor os faros galegos que actualmente non contan cun uso habitacional, mantendo sempre o seu uso principal como axuda á navegación».
«No encontro abordouse a importancia de analizar os futuros usos dun xeito planificado e coordinado sobre cada un dos equipamentos avaliándoos en función das súas características máis singulares. Tamén se afondou na importancia desta iniciativa para reforzar o turismo mariñeiro xerando produtos especializados recuperando un valioso patrimonio inmaterial e impulsando o desenvolvemento económico dos concellos da contorna dos faros», explica a Xunta.
Coa reunión de Vigo, a Xunta sinala que continúa coa rolda de contactos coas distintas autoridades portuarias galegas, tras manter outra coa Autoridade Portuaria da Coruña e coa de Vilagarcía, como así se comprometeu na última reunión mantida con Puertos del Estado para avanzar nesta estratexia común.
Esta folla de ruta, que se formula a longo prazo e que está chamada a ter un papel importante despois do Xacobeo 2021, permitirá xerar diferentes produtos turísticos e culturais especializados en diferentes emprazamentos costeiros, favorecendo un turismo de alta calidade. Ademais, aportará unha visión integral que terá en conta proxectos xa existentes e permitirá deseñar un itinerario de interese paisaxístico para fomentar o descubrimento do litoral pontevedrés.
Avanzando desde outubro
A Xunta de Galicia explica que leva traballando con Puertos del Estado nesta liña desde o pasado mes de outubro cando inicialmente acordaron en Madrid desenvolver xunto coas autoridades portuarias galegas unha estratexia que permita planificar dotacións culturais e turísticas nos faros que non contan cun uso habitacional, facéndoas compatibles co seu uso principal como sinal marítima.
O pasado mes de novembro Santiago de Compostela acolleu un encontro de traballo entre o Goberno galego, Puertos del Estado e representantes das Autoridades Portuarias galegas para avanzar nesta proposta onde se avanzaron medidas para facilitar a posta a disposición á sociedade destes equipamentos de interese patrimonial e paisaxístico dun xeito planificado, facilitando a xestión dos trámites administrativos en espazos tan sensibles como os faros. Neste sentido, explorouse a posibilidade de implantar sistemas que faciliten as xestións para os inversores ou promotores interesados.