En “Rumbo NE” atopamos unha disparidade de estilos musicais que parten do profundo respecto pola música tradicional galega buscando á vez explorar novos horizontes que leven á formación a unha nova dimensión musical cun estilo propio e innovador. Tanto é así que nesta proposta podemos escoitar xéneros tan diversos como a muiñeira galega ou o swing americano , pasando pola salsa cubana, a música dos países celtas ou os ritmos balcánicos.
A formación ofrecerá, o vindeiro 28 de decembro, ás 18.30 horas, unha gala que se celebrará no Auditorio Municipal de Verín e na que os asistentes poderán gozar dos seus novos temas en vivo e en directo. Dito evento está organizado pola Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei en colaboración co Concello de Verín.
No concerto presentación de ‘Rumbo NE’, a Banda de Gaitas Nova Era convídanos a unha viaxe musical na que conviven decenas de instrumentos, influencias e melodías. Unha gala coidada ao máis mínimo detalle na que contarán coa presenza de varios convidados de luxo que colaboraron na gravación do disco. Un total de máis de 40 músicos se subirán ao escenario para fusionar música de raíz tradicional con ritmos e sons de todo o mundo.
O conxunto caracterízase pola combinación de tres seccións ben diferenciadas: a sección de gaitas galegas afinadas en Si bemol; a sección de percusión, que combina instrumentos da música tradicional galega, centroeuropea, latina e clásica; e a sección orquestral, formada por instrumentos de vento-metal, vento-madeira, corda e interpretación vocal.
Para esta ocasión, a agrupación contou con varias colaboracións destacables da provincia de Pontevedra. Entre elas, o gaiteiro Óscar Ibáñez, o guitarrista Carlos Calviño, Myriam Cortizo, produtora da Orquestra Vigo 430; e os nenos e nenas do Coro da Compañía da Fundación Mayeusis.
Nova Era publicaba esta fin de semana “Pingas de Orballo”, unha das cancións que forman parte deste disco e que é obra de Daniel García, codirector da agrupación musical.