Ademais da sua eficacia avaliouse tamén a seguridade do tratamento. Os resultados desta investigación foron publicados na prestixiosa revista científica “Lancet”. O promotor é a Escuela de Higiene y Medicina Tropical de Londres, dependente da Universidade de Londres e centro lider mundial en saúde pública e medicina tropical .
Neste ensaio, estudáronse máis de 12.000 pacientes en 59 hospitais de todo o mundo nos últimos seis anos. Dos nove hospitais españois participantes, o Álvaro Cunqueiro foi o segundo que máis pacientes incluíu neste estudo, un total de 82.
Medicamento que evita as hemorraxias
O sangrado intracranial é común tras unha lesión cerebral traumática e aumenta a morte e a discapacidade relacionadas coa lesión na cabeza. A probabilidade de falecer ou sufrir secuelas depende, en gran maneira, da cantidade de tecido cerebral destruído.
A coordinadora e investigadora principal deste proxecto, a intensivista Mélida García Martul explica que, “a pesar dos avances observados nas últimas décadas na monitorización, diagnóstico e tratamento do traumatismo craneoencefálico, que se teñen traducido nun descenso da mortalidade nos países desenvolvidos, aínda un 50% destes pacientes experimentan secuelas significativas ao longo da súa vida. O ácido tranexámico é un medicamento que actúa inhibindo a ruptura dos coágulos sanguíneos polo que é unha poderosa ferramenta para evitar as hemorraxias que sofren moitas persoas tras un traumatismo craneoencefálico”.
Trátase dun fármaco barato e amplamente dispoñible nos hospitais -xa que ata agora se viña utilizando con outras indicacións clínicas- que podería salvar a vida de miles de vítimas de accidentes e agresións. Os especialistas calculan que cunha simple inxección deste fármaco poderían evitarse 100.000 mortes anuais no mundo -250 en España- de pacientes con lesións recentes e sangrados graves provocados por accidentes de tráfico, por exemplo.
“Este estudo supón un gran avance nos tratamentos destas patoloxías, sobre todo é unha gran oportunidade para os países en vías de desenvolvemento, xa que ao tratarse dun fármaco de baixo custe terán maior acceso a súa utilización e, en consecuencia, maiores posibilidades de salvar máis vidas”, asegura a doutora García Martul.