A obra de José Otero Abeledo, popularmente coñecido como Laxeiro, abriu este xoves unha nova etapa na Casa das Artes, en pleno centro de Vigo, a través da exposición ‘Colección permanente, unha nova lectura’, que está conformada por 65 obras do autor.
A nova proposta da colección cambia o percorrido cronolóxico das obras, combinando estilos, linguaxes, xéneros e cronoloxía e incorporando documentación da traxectoria artística de Laxeiro e unha sala nova cunha liña de vida.
Tras a visita realizada á nova mostra, Abel Caballero convidou á cidade a visitar a Casa das Artes e gozar dunha exposición coa que “queremos lanzar a traxectoria do artista galego máis importante de todo o século XX” cunha nova forma de entender a súa obra a través dunha formulación distinta que cualificou de “brillantísima”.
O alcalde de Vigo salientou que se apreciar “a influencia que nel teñen desde Picasso a Solana” e tamén observar a súa evolución como artista. Finalmente, lembrou que o Concello ten unha “moi importante” obra depositada na Fundación Laxeiro xunto a outras obras que se atopan no Museo Quiñones de León en Castrelos.