A Xunta de Galicia anunciou este sábado que un total de 6 empresas presentaron as súas ofertas para o servizo de explotación e mantemento da presa de Eiras, por un importe de case 500.000 euros. A licitación do contrato está recorrida desde o pasado mes de outubro polo Concello de Vigo ao considerar que xa presta ese servizo a través da concesionaria municipal.
Os tribunais terán que decidir a quen corresponde o mantemento e explotación da presa de Eiras que subministra auga a Vigo e toda a súa área. A Xunta de Galicia informou este sábado que segue adiante co proceso de licitación e explicaba nun comunicado de prensa que este contrato, cunha vixencia de 24 meses, ten como obxectivos «explotar, conservar e manter a presa de Eiras e os seus equipos e instalacións, asegurando o óptimo funcionamento do sistema de xestión do encoro».
Engade o Goberno galego que o contrato, ao que presentaron ofertas seis empresas, inclúe a dirección de explotación do encoro de Eiras e operación dos seus equipos e instalacións «segundo o establecido nas normas de xestión da mesma, así como a dirección do plan de emerxencia da presa para a súa xestión e control». De acordo coas condicións da licitación, o contrato inclúe o mantemento e conservación dos órganos de desaugadoiro, toma de abastecemento e equipos oleohidráulicos ou similares para o seu accionamento.
A empresa adxudicataria tamén se ocupará do mantemento e conservación das instalacións de control da presa, tanto dos edificios de control da explotación e accesos, como dos equipos auxiliares, así como do mantemento da instalación eléctrica incluíndo centro de transformación, grupo electróxeno e iluminación exterior e interior.
Explotación
A Xunta insiste en que lle corresponde a explotación da infraestrutura a través de Augas de Galicia, xa que é o organismo que apoia aos concellos no desenvolvemento das súa competencias de prestación do servizo municipal de abastecemento. «Con este contrato, a Xunta continúa a asumir a xestión de Eiras para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do encoro á espera de que o Concello de Vigo se pronuncie sobre a proposta de convenio polo que asumiría a súa xestión», conclúe.
Pero a licitación xa está recorrida polo Concello de Vigo, que aprobou o pasado mes de outubro en Xunta de Goberno a interposición dun recurso contra a licitación da Xunta publicada por Augas de Galicia na Plataforma de Contratos de Galicia o 14 de outubro.
Segundo explicou Abel Caballero en novembro, a explotación, o mantemento e a conservación da presa de Eiras xa é competencia do Concello e a realiza a través da concesionaria municipal baixo a supervisión do xefe de Servizo de Execución e Planificación de Augas de Galicia, dependente da Xunta.
Desde agosto de 1962
«A competencia foi concedida ao Concello de Vigo polo Ministerio de Obras Públicas e publicada en el BOE el 17 de agosto de 1962«, apuntaba o rexedor socialista. Ademais, o Concello recibiu hai uns días a resolución do Tribunal Económico Administrativo pola pretensión da Xunta de Galicia de cobrar 655.000 euros polo mantemento da presa no ano 2014, importe que o Concello considera xa costeado.
O tribunal aceptou a reclamación do Concello e suspendeu a decisión da Xunta de impoñer unha taxa recadatoria sobre a xestión de obras hidráulicas do encoro de Eiras ata que quede resolto o conflito entre administracións.