O Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicou este sábado que a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo ven de informar aos representantes do persoal da Comisión de Atención Primaria e da Xunta de Persoal da próxima incorporación de 20 efectivos na atención primaria viguesa.
Segundo explica o Sergas nun comunicado, en próximas datas vanse incorporar 7 especialistas de medicina familiar e comunitaria nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC). Ademais, increméntase o cadro de persoal con 2 pediatras, 6 profesionais da enfermería, 3 especialistas de enfermería obstétrica (matronas e matróns) e 2 fisioterapeutas, o que suporá un importante avance cara a mellorar os ratios de Tarxetas Individuais Sanitarias (TIS) entre os profesionais de primaria.
«Nestes momentos estase planificando o seu destino, tras escoitar as necesidades planteadas polos profesionais deste nivel asistencial e atendendo ao número de TIS e ratios poboacionais, así como ás dispoñibilidades de estructura nos edificios sanitarios», apunta.
Con estas novas prazas son 28 as creadas para incrementar os recursos humanos da atención primaria viguesa, xa que no último trimestre do pasado ano incorporáronse 8 novos efectivos: 2 fisioterapeutas, 3 especialistas de medicina familiar e 3 de enfermería.
Maior estabilización do persoal
O Sergas indica que estas medidas de persoal veñen a sumarse á recente estabilización de prazas con 30 especialistas de medicina familiar e comunitaria incorporados tras superar as oposicións. Ademais dos nomeamentos de persoal estable para cubrir ausencias nos centros de saúde. Actualmente están vixentes 6 contratos de continuidade de 1 ano e van a ofertarse outros 5. «Neste eido, hai unha maior estabilización do persoal tras os concursos de mobilidade pero ademais se teñen dotado prazas de enfermería especialista de familiar e comunitaria e pediatría», asegura.