O período de alegacións á modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mos abriuse o pasado 29 de novembro e, a falla de sete días para que remate dito prazo (28 de xaneiro), o Concello rexistrou 14 alegacións a ese troco urbanístico que pretende dar encaixe ao centro comercial do Celta.
Segundo informou a administración local este martes, a maioría das alegacións (8, en total) proceden de particulares. Por outra banda, tamén presentaron as súas obxeccións algunhas asociacións ecoloxistas como Verdegaia (2), Ecoloxistas en Acción (2) e ADEGA (1). No eido político, o grupo municipal GañaMos fixo chegar a súa propia.
“Excepto algunha máis específica, a maioría das alegacións son moi xenéricas, pouco concretas e sen respaldo técnico”, argumentou o Concello de Mos, que salientou que algúns dos particulares que alegaron ata o de agora presentaron varias observacións ao seu nome.
“De momento non hai alegacións técnicas de consideración e as existentes aluden de forma xeral á clasificación do solo rústico forestal e aos recursos da zona falando de auga, paisaxe, patrimonio cultural e mobilidade; aludindo tamén á posible contaminación acústica e impacto ambiental”, indica a administración local.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, lembrou que “mentres non se dispoña de todos os informes favorables non se dará o seguinte paso”. “Estamos no momento de escoitar o que alega a veciñanza e recibir os informes sectoriais solicitados”, recalcou.