O Hospital Álvaro Cunqueiro será protagonista dun evento sen precedentes. A retransmisión para todo o mundo dunha intervención de obesidade realizada polo equipo de Cirurxía Xeral e Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).
A operación realizouse o pasado mes de outubro nos quirófanos do hospital vigués e foi gravada. Esa gravación emitirase mañá, 23 de xaneiro, a partir das 16 horas, pola prestixiosa canle cirúrxica online AIS Chanel, con audiencia en todo o mundo e dentro dunha serie titulada “Surgical Innovation Series”. A propia canle estima que en cada sesión adoitan conectarse ao redor de 12.000 profesionais de todo o mundo.
A retransmisión será comentada en directo pola xefa do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo, Raquel Sánchez, nunha “live session”. Deste xeito, ademais dos comentarios da cirurxiá desde Vigo, aqueles profesionais que estean conectados á canle nese momento poderán facerlle preguntas ou emitir opinións.
Trátase dunha intervención de gastrectomía vertical por porto único. “Basicamente é unha cirurxía da obesidade que se realizou a través do embigo do paciente”, explica a doutora Sánchez, que engade: “É unha gran oportunidade para o noso servizo, xa que esta canle goza dun importante prestixio a nivel internacional”.
Un líder mundial
AIS Channel está considerada como a plataforma online líder a nivel mundial en educación médico-cirúrxica. Ten presenza en 184 países e a súa influencia entre os profesionais levoulle a establecer alianzas estratéxicas con xigantes tecnolóxicos como Sony ou Google.
O fundador desta canle, considerado como o “Netflix da medicina”, é o cirurxián Antonio de Lacy, experto na aplicación das novas tecnoloxías ás intervencións cirúrxicas.
Precisamente o doutor De Lacy estivo o pasado mes de outubro no Hospital Álvaro Cunqueiro, con motivo da súa participación na 27 edición das Xornadas Internacionais de Coloproctoloxía, que organiza cada ano o Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestivo.