Comunidades de augas, de montes, organizacións ecoloxistas, sindicatos e partidos políticos presentaron este mércors no Concello de Mos 5.000 alegacións contra a modificaicón do Plan Xeral de Ordenación Municipal que dará encaixe ao centro comercial do Celta.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinalaba hai tan só unhas horas que tan só estaban rexistradas catorce alegacións contra a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mos desde que o pasado 29 de novembro e, a falla de sete días para que remate dito prazo (28 de xaneiro), quedase aberto o prazo.
Este mércores, o número de alegacións aumentou significativamente despois de que os colectivos que están en contra do centro comercial do Celta presentasen os seus escritos no concello.
Así, a expropiación e recualificacións dos montes de Tameiga para o proxecto comercial recibiu case 5.000 alegacións novas. No acto de presentación, estiveron as catro comunidades de augas afectadas, a Comunidade de Montes de Tameiga, a Asociación de Veciños A Portela de Tameiga, os sindicatos CIG, CGT e UGT e as organizacións ecoloxistas Verdegaia, Ecoloxistas en acción, Extintion Rebelion, Fridays for Future, forzas políticas como BNG, PSOE e GañaMos (G.Común da Esquerda). Ademais, subscribiron as alegacións pero non poideron asistir CCOO, CUT, Greenpeace e Adega.