O Concello de Nigrán creará unha praza pública de 371 m2 para a convivencia e a relaxación no espazo actual entre o remate da Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é rehabilitar esta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica como unha zona senlleira de pausa e descanso no Camiño.
O proxecto, cun orzamento de 93.367 euros, recibiu a pasada semana a autorización de Patrimonio e foi presentado a finais de ano ás axudas da Xunta para actuacións de mellora paisaxística e de posta en valor dos bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago. A intención é que sexa unha realidade no vindeiro Ano Santo 2021.
«Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, trátase actualmente dun espazo residual e cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún», explica o alcalde, Juan González, quen busca «devolver ao lugar a entidade que merece» ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. Así, actualmente os pavimentos están moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supón un risco de seguridade viaria; a iluminación resulta deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non traslada sensibilidade algunha pola traza do Camiño.
Deste xeito, o proxecto firmado polo arquitecto Ángel Santorio contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo, a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada unicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase para os peóns, que contarán tamén cun itinerario de empedrado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable.
O obxectivo final é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificaranse as sinais existentes e dotarase á zona dunha nova iluminación.
«Son unha serie de actuacións sutís, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna, pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e senlleiro no Camiño Portugués pola Costa», resume o rexedor.