A Policía Local de O Porriño detivo esta pasada noite a un veciño de Atios, de 58 anos, como presunto autor dun delito de violencia de xénero. As vítimas son a súa esposa e o seu neto de 6 anos, ambos feridos de diversa consideración.
Os feitos aconteceron no barrio de A Pontenova. A Policía Local recibiu aviso do 112 ás 02.15 horas deste mércores. Informábase de que unha muller e un neno denunciaran ser agredidos polo marido dela e que estaban na rúa agardando por unha ambulancia.
Cando chegou a patrulla, a ambulancia xa recollera aos feridos. Os axentes falaron co home, que recoñeceu que tivo unha pelexa coa súa muller. Os policías comprobaron que había manchas de sangue na habitación onde se produciu a discusión e atoparon debaixo da cama un coitelo de cociña con sangue, polo que procederon ao arresto do sospeitoso.
No que atinxe ós feridos, a muller presentaba varios cortes en brazos e mans. Recibiu traslado ao Álvaro Cunqueiro, pendente de intervención cirúrxica. Tamén o neno foi trasladado ao centro hospitalario con lesións nunha man e pendente de recibir atención psicolóxica xa que estaba presente na habitación onde transcorreron os feitos, segundo as pescudas da Policía Local.