A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a segunda concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de 1,2 millóns de euros para dez vilas da provincia. En concreto, esta consignación permitirá aos concellos de Arbo, Salvaterra de Miño, As Neves, Oia, Covelo, Fornelos de Montes, Marín, Cerdedo-Cotobade, Portas e Rodeiro.
Deste xeito, Arbo poderá contratar a 13 persoas que realizarán tarefas de mantemento de edificios, horticultura e xardinería, forestais, conservación de parques, condución de vehículos e manexo de maquinaria e servizos de axuda no fogar. Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade empregará a 21 persoas para traballos de soldadura de estruturas metálicas lixeiras, encofrado, cantería, pintura de vías urbanas, mecánica, condución, forestais, poda e desbroce e medio ambiente, mentres que Covelo contratará a 16 persoas para labores de limpeza, mecánica, tarefas forestais, albanelería, condución de camións, carpintería e socorrismo.
No que se refire a Fornelos de Montes, a achega do Plan Concellos permitirá a contratación de 9 persoas, nas que se inclúen oficiais tractoristas e traballadores e traballadoras para os servizos de limpeza, asfaltado e xardinería. En Marín, 13 persoas farán traballos de obras públicas e conserxería, mentres que nas Neves haberá 11 contratacións para traballos forestais, obras públicas, condución, recollida de lixo, conserxería e fontanería.
Tanto Salvaterra de Miño como Rodeiro poderán empregar a 16 persoas. No primeiro concello, para labores de condución, información turística, limpeza, animación sociocultural, recollida do lixo, limpeza, construción, albanelería, fontanería e o servizo de cobro. E, en Rodeiro, as persoas empregadas a través desta liña do Plan Concellos ocuparanse en tarefas de traballo social, profesorado de infantil, educación social, administración e contrataranse tamén peóns de servizos básicos.
Por outra banda, Oia empregará a 8 persoas en tarefas forestais, recollida de lixo, albanelería e maquinaria forestal e, por último, en Portas, 7 persoas realizarán tarefas de condución e traballos nos servizos de limpeza, xardinería e obras públicas.
“Seguimos a ser a administración que pon a disposición dos concellos os recursos para poder garantir recursos e dereitos”, destacou a presidenta da Deputación, Carmela Silva. As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e son os propios concellos os que solicitan os postos a cubrir a través destas subvencións.