O Campionato Provincial de Campo a Través Xogade (Xogos Galegos en Idade Escolar) celebrado este sábado no Parque de Castrelos de Vigo reuniu a 1.300 participantes.
Os cativos participantes pertencen a 117 colexios e clubs repartidos nas categorías de benxamín (191 nenas e 227 nenos), alevín (210 nenas e 187 nenos), infantil (170 nenas e 138 nenos) e cadete (87 nenas e 78 nenos). Así, percorreron distancias de un, un e medio, dous e dous e medio quilómetros respectivamente.
Nesta edición, rexistrouse unha gran participación feminina que fai que no cómputo global dos participantes haxa máis nenas -658 que representa o 51%- que nenos -630, o 49%-. Así, na actualidade as licenzas femininas galegas son o 25%.
Hábitos saudables
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba hai dez días en Castrelos que valorará a posibilidade de introducir unha terceira hora de educación física en primaria, secundaria e bacharelato. Considera que é unha medida necesaria, que non se cingue só ao ámbito educativo senón que afecta positivamente á saúde dos máis novos.
O programa Xogade foi posto en funcionamento no ano 2004 en colaboración coas federacións deportivas e as agrupacións escolares. Así, pretende levar o deporte a todos os concellos e brindarlles aos escolares a posibilidade de competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Ademais, na tempada 2018-2019, o Xogade contou cun total de preto de 130.000 nenos. Tamén o obxectivo é chegar a todos os nenos e nenas de Galicia.