Descenso de rápidos, ruta á illa de San Simón con kayak, andaina e snorkel, surf, windsurf, mergullo, flyboard e wakeboard. O programa Augaventura, organizado pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, volve esta primavera con sete actividades acuáticas que requiren de material custoso.
Augaventura Primavera 2020 dará comezo o vindeiro 27 de marzo cun descenso de rápidos no río Miño, en Arbo. Esta actividade, que como todas as demais se dividirá en dous grupos, terá un custo de 15€ para persoas pertencentes á comunidade universitaria e familiares. Serán 22.5€ para persoas tituladas pola Universidade de Vigo e 30€ para persoas alleas a ela. A maiores, aquelas persoas que dispoñan do Abono Muver contarán cun 20% de desconto.
De finais de marzo a principios de maio
A seguinte aventura dará comezo o 28 de marzo e consistirá nunha ruta pola Illa de San Simón. Ademais, inclúe unha travesía en kayak, seguida dunha andaina pola illa e finalizando cun mergullo de superficie (snorkel) nos illotes de San Bartolomé e San Norberto. Pola súa banda, ter un bo equilibrio é a clave para o “bautismo de surf”, que chega o día 29 de marzo e terá lugar na praia de Patos da man da escola Prado Surf. O mes de marzo finaliza cunha clase de windsurf en colaboración coa escola Tierra y Mar e terá lugar no Liceo Marítimo de Bouzas.
Comezará o mes de abril cun mergullo na piscina universitaria e nas Illas Cíes, se o tempo o permite. A penúltima actividade de Augaventura Primavera 2020 será unha sesión de flyboard no Liceo Marítimo de Bouzas. Por último, realizarase unha sesión de wakeboard, tamén no Liceo. Aínda que esta última actividade terá lugar o día 19 de abril, debido a que cada unha delas contará con dous grupos, as actividades seguiranse desenvolvendo ata o vindeiro día 10 de maio.
Así as prescricións poden facerse a través da web www.deportes.uvigo.es. Unha vez acadado o número mínimo de participantes para a realización da actividade as persoas inscritas recibirán un correo para facer a confirmación da reserva. O pagamento debe facerse nun máximo de 48 horas, na propia páxina web ou en entidades bancarias colaboradoras.