O Concello de Vigo enviou este mércores á Xunta de Galicia o borrador dun convenio de colaboración para construír o instituto de Navia. Dentro das liñas de actuación de cada parte, o documento recolle que a administración local aprobará definitivamente a segunda modificación do Plan Parcial e, unha vez que o Executivo autonómico adscriba as parcelas dotacionais públicas á cidade, o goberno local procederá á instrución e tramitación dun expediente de cesión á administración autonómica dunha parcela de titularidade municipal de 12.576 m2 (ao lado da última rotonda de Teixugueiras).
Segundo recolle o texto, dada a “urxencia” deste servizo educativo, ambas partes manifestarían a súa vontade para que o novo IES de Navia sexa a primeira edificación en uso no ámbito deste Plan Parcial. Así a Consellería de Educación comprometeríase a licitar con cargo aos orzamentos da Xunta a redacción dos proxectos básicos e de execución nun prazo dun mes desde a entrada en vigor do Plan Parcial, así como o inicio da execución das obras nun prazo dun ano. A urbanización, a construción, o equipamento e a posta en funcionamento do instituto estará rematado nun prazo máximo de dous anos desde a luz verde do Plan Parcial.
Abel Caballero anunciou o envío deste convenio o mesmo día que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitaba o IES Valladares, onde acoden a diario os estudantes desde Navia, percorrendo 8 quilómetros para ir a clase. A este respecto, instoulle á responsable a explicar porque a Xunta non constrúe un instituto en Navia, a zona de poboación nova máis grande de Galicia. Na súa estancia en Vigo, Pomar comunicou que o IES Valladares implantará o Bacharelato a partir do curso 2020-21.
O rexedor avanzou que o Concello “non quere atrasar o Plan Parcial de Navia” polo que procederá á realizar xa o primeiro trámite da aprobación do ámbito, pero supeditará o resto da tramitación a que a Xunta asuma este convenio para “ter a seguridade total de que a Xunta vai facer o instituto”.