A nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo encheuse este mércores de sensibilidade, igualdade e música para acoller a entrega da cuarta edición dos Premios Sofía Novoa Ortiz que valoran aos mellores Traballos de Fin de Grao e Master con perspectiva de xénero, presentados na Universidade de Vigo durante o curso 2018-19.
Ademais das persoas premiadas, ao evento asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deputadas e deputados do goberno provincial, autoridades académicas da Universidade de Vigo e o sobriño de Sofía Novoa, Juan Francisco Novoa Doce. O acto estivo conducido pola xornalista Edurne Baines e amenizado coa música da frautista Laura Lorenzo e pianista Yamini Teresa Prabhu, que interpretaron pezas de Fanny Mendelssohn, Béla Bartok, Manuel de Falla e Gabriel Fauré.
Silva, amosou sentirse “moi orgullosa polo elevado nivel técnico dos traballos galardoados” e animou ás persoas gañadoras “a que non paredes, a que continuedes dirixindo a vosa traxectoria cara a consecución da plena igualdade entre mulleres e homes”. “Queremos apostar e apoiar todas aquelas iniciativas, entre as que se atopan os traballos universitarios de Fin de Grao e de Master, que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade», asegurou Silva. “Consideramos fundamental –engadiu a presidenta- que dende o coñecemento, a investigación e a análise rigorosa se incorporen os principios de igualdade”.
Na entrega as persoas premiadas este ano tiveron a oportunidade de explicar a súa motivación á hora de introducir a perspectiva de xénero nos seus Traballos Fin de Grao e Master. Así, na modalidade de Traballos Fin de Grado alzáronse cos premios de 1.000 euros Karen Giselle Engster Appezato de Salceda e Cristina Pérez Carmuega de Pontevedra. Engster Appezato elaborou o traballo titulado “Constitución española inclusiva. Estudio previo y propuesta de redacción” onde realizou unha análise das modificacións gramaticais e léxicos que implica a adaptación da Constitución Española a unha linguaxe inclusiva. Pola súa banda, Pérez Carmuega presentou “Trabajar con perspectiva de género a través de la metodología por proyectos en la Educación Infantil” no que se ofrece unha proposta de deseño de dous proxectos con perspectiva de xénero para a educación infantil e a súa implantación nunha aula.
Na mesma modalidade, de Traballos Fin de Grao tamén recibiu un premio de 600 € Antía Álvarez Martínez, de Vigo, por “Menores transexuales en el ámbito educativo”. Neste eido, o estudo afonda na transexualidade durante a infancia, concretamente na educación infantil, analizando a aceptación deste colectivo por parte da comunidade educativa.
En canto á modalidade de Traballos Fin de Máster alzáronse cos premios de 1.000 € Marta Molina Rivera de Vigo e Rut Guinarte Mencía de Redondela. A primeira presentou “Sensibilización e formación en igualdade de xénero do profesorado de formación profesional” na que se investiga o grao de sensibilización do profesorado de FP coa igualdade de xénero, así como o interese, coñecemento e implicación con respecto á formación e recursos dispoñibles do colectivo docente. Pola súa banda, Guinarte Mencía elaborou o estudo “Mediando a temática do traballo de coidados na aula de inglés: co-construíndo novas realidades igualitarias” na que se integra a perspectiva de xénero no ensino de inglés nas Escolas Oficiais de Idiomas a través do deseño e implantación dunha sesión de 120 minutos que conxuga coidados e mediación.
Tamén na modalidade de Traballos Fin de Máster recibiu un premio de 600 euros Fernando Miguel Otero Fernández, de Vigo, por “A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia”. Otero presentou o traballo “A situación do alumnado trans no Ensino Secundario de Galicia” no que se amosa a realidade do alumnado trans e se describen as actuacións que se poden levar a cabo desde o ámbito educativo para mellorar a súa calidade de vida.
No acto conducido por Edurne Baines, directora da Editorial Belagua, recordouse a traxectoria de Sofía Novoa, unha muller cunha grande cultura pero silenciada e esquecida pola historia. Novoa, dende a pedagoxía, fixo grandes aportacións á sociedade, empregou a música como vehículo para o ensino e loitou para que as mulleres ocupasen espazos públicos, concretamente, traballou nun programa educativo que posibilitaba o acceso das mulleres á educación superior.