O grupo municipal da Marea de Vigo valorou este venres a sentenza que obriga ao Concello a proporcionar unha tarxeta que bonifique os viaxes en Vitrasa a todos os cidadáns, estean ou non censados na cidade. A este respecto, considerou que o fallo deixa claro que o sistema da Pass Vigo “é unha inutilidade e soamente a entrada nun sistema de transporte metropolitano é o futuro”.
“Non había que ser moi ‘lumbreras’ e coñecer un pouco dos sistemas de transporte en todo o Estado para saber que o da tarxeta só para persoas censadas era imposible e soamente serviu para distribuír a cara de Abel Caballero en todos os buzóns de Vigo e que Vitrasa, co gasto de todos, xustificase máis amortización de diñeiro pendente co que condicionar o futuro concurso”, declarou o voceiro do grupo, Rubén Pérez.
Para a Marea de Vigo, a obtención da tarxeta sempre ten que ser universal como nas grandes cidades do estado, e posteriormente aplicar bonificacións a colectivos vulnerables en canto a recursos económicos ou situación sociocomunitaria. “En vez disto, nun alarde de personalismo delirante, Caballero artellou un sistema ridículo de tarxeta cidadá, tanto que, por exemplo, pretende utilizar a mesma fórmula incluso para o lixo, cando o único motivo para implantalo noutras cidades é para que as persoas usuarias obteñan rebaixas no imposto do mesmo. Isto non existe en Vigo, convertendo nunha obvia inutilidade o sistema anunciado a bombo e prato por Caballero para os contedores de lixo orgánico”, explica Pérez.
A sentenza que anula o sistema ligado ao empadroamento para a obtención da Pass Vigo, segundo a Marea de Vigo, “lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e se sufragaba exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta”.
A formación segue a considerar polo tanto que a única solución vén, ou ben do recoñecemento do convenio asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administracións. Deste xeito o Goberno galego asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), evitando as “inxustizas” que se están dando por exemplo con Concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite.
Rubén Pérez defendeu que “é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas, e é perfectamente lexítimo; hai moitos concellos, incluso gobernados polo PP que así o fan, mais contando sempre coa alternativa do transporte metropolitano ou da existencia dunha tarxeta accesible a todo o mundo sexa empadroado ou non como se fai en Madrid, Barcelona ou Xixón”.
O problema, para a Marea de Vigo, é que na cidade olívica “non hai esa alternativa, non interesa nin a PP nin a PSOE unha área metropolitana funcionando, non lle interesa a Vitrasa e ao grupo Avanza un trasporte urbano de pasaxeiros de Vigo operando metropolitanamente, e por suposto a Caballero veulle de marabilla que a súa foto empapelara xornais e buzóns de todo Vigo”.
A formación conclúe lamentando que a batalla xerada entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia fixese “imposible” a existencia dun sistema metropolitano de transporte. As consecuencias implicarán que Vigo, salvo recurso que tombe a sentenza, se teña que facer cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento.