O Concello de Mos e a parroquia de Cela suman un novo veciño centenario. Trátase de José Trillo Figueroa, que celebrou o seu 100 aniversario o pasado 19 de xaneiro e esta semana recibiu a visita da alcaldesa, Nidia Arévalo, para felicitalo.
José é pai de 9 fillos (cinco mulleres -Josefa, Carmen, Gloria, Consuelo e Anunciación- e catro homes -Floriano, José, Serafín e Manuel-). Xa ten 19 netos e 26 bisnetos. Naceu no barrio do Covelo, en Arufe-Cela, e dedicouse profesionalmente ao asfaltado de estradas. En 1945 casou con Anunciación Táboas Lorenzo, da que enviuvou hai 34 anos.
Despois de ser testemuña de todo un século, José Trillo Figueroa ten moita historia ás súas costas: estivo en dúas guerras e chegou a ir a Rusia como voluntario.
A día de hoxe o ‘señor José’, como lle chaman algúns, é un home moi activo, que le o xornal todos os días sen lentes e goza vendo os partidos de fútbol. Os sábados e os domingos vai xogar a partida de cartas e todos os domingos vai á misa á Igrexa de San Pedro de Cela. É moi sociable cos seus veciños, quen o definen como moi boa persoa.