Nun futuro distópico, marcado pola contaminación do planeta, as illas Cíes constitúen un “bastión de resistencia ao cambio climático”. Este é o punto de partida de ‘Onde dormen as gaivotas’, unha curta dirixida polo graduado en Comunicación Audiovisual Daniel Cornes que un grupo de titulados e estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación gravou nas illas tras seren seleccionados para participar no Desafío Audiovisual Illas Cíes.
Promovida polo Concello de Vigo, no marco do proxecto ‘Illas Cíes, Patrimonio da Humanidade’, a iniciativa, que tivo como comisarios artísticos aos profesores da facultade Jorge Lens e Paulino Pérez, levou ao desenvolvemento de seis curtametraxes e seis proxectos fotográficos no marco dunha residencia nas illas, reunidos agora na exposición que pode visitarse na Casa das Artes de Vigo.
“Recibimos o premio con sorpresa, había pezas moi boas, polo que o feito de que nos escollesen fan que cobre aínda máis importancia da que xa tiña”, salienta Cornes, tras recibir, na inauguración da mostra o pasado venres, o galardón que o xurado outorgou á curta que gravou en Cíes xunto coa tamén egresada Ariadna Cordal, axudante de dirección, directora de arte e responsable da edición, e os estudantes Nerea Darriba, produtora, e Adán Cordeiro, director de fotografía.
“Xa estivera en Cíes dúas veces e xa tiña pensadas as localizacións á hora de escribir o guión”, apunta Cornes, que recoñece que o feito de ter que traballar nunha illa levoulles a ser moi “meticulosos” na planificación previa da rodaxe que, ao igual que o resto dos equipos, levaron a cabo entre o 26 e o 30 de setembro. Ambientada nese futuro distópico “que esperamos non teña que ocorrer”, recoñece, a curta narra a chegada dunha bióloga, interpretada por Lidia Veiga, ás Cíes e os seus intentos de enviar información e posteriores discusións co personaxe interpretado por Yago Durán. “Penso que o entendemento entre a estética visual e sonora é o máis salientable”, apunta Cornes, que explica que buscaron para esta curta “un ritmo pausado e reflexivo para poder manter a tensión e a incerteza”.
“Todo tivo que facerse a un ritmo frenético dende o principio”, engade Nerea Darriba, que recoñece que unha vez souberon que o seu proxecto fora un dos seleccionados desenvolveron un intenso traballo de preprodución caracterizado pola “dificultade engadida de preparar equipaxe para estar case illados”. Non obstante, esta alumna recoñece que este tipo de iniciativas constitúen tamén “oportunidades únicas para pornos a proba e desenvolver outras habilidades como a improvisación e o traballo en equipo”. Nese mesmo senso, Cordeiro recoñece que “rodar en exteriores sempre é difícil”, xa que “os elementos naturais non son controlables”, mais ao mesmo tempo incide en que a oportunidades “de filmar nun lugar como as Cíes”, fixo tamén que “todos estes problemas pasasen a un segundo plano”, xa que, sinala, “no único que un pensa é en intentar captar o mellor que se poida a beleza dunha paraxe natural como esta”.
Doce creacións nacidas nas illas
Ata o 8 de marzo poderán verse na Casa das Artes os seis proxectos fotográficos e as seis curtametraxes xurdidas desta residencia artística, seleccionadas de entre candidaturas chegadas de diferentes puntos de España. “Tratábase dunha convocatoria aberta a todo o mundo e é orgullo que un equipo de alumnos e ex-alumnos gañase o premio cunha proposta moi potente”, salienta Paulino Pérez dunha iniciativa «na que a temática era totalmente libre» e na que buscaban que xurdisen proxectos “fóra do convencional, cunha compoñente máis artística”.
Entre os seleccionados na categoría de curtametraxes figura así mesmo o estudante de Comunicación Audiovisual Roi Grandío, director de O último desexo, e a alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Laura García Calleja, directora de Archipiélago. Xunto ás súas creacións, na exposición proxéctanse tamén as pezas de Carlotta Napolitano, Ekaterina Linke e Juan Lorenzo Loureiro, mentres que na categoría de proxectos fotográficos, un dos seleccionados foi o tamén alumno de doutoramento de Belas Artes Javier Fernández Pérez de Lis, que presenta na mostra a súa serie Arquipélago, resultado de “perseguir retrincos da historia das illas e dos seus poboadores”, xunto coas series realizadas por Ángel Torres, Carolina Conti, Christian Domínguez, Esther Naval e Samuel Ortiz.