O Instituto de Educación Secundaria (IES) de Navia en Vigo está máis lonxe que nunca. A Xunta recoñece que a dotación que reclaman veciños e Concello non vai a ser sinxela e propón como alternativa o edificio dos xulgados.
Así o explica o Goberno galego nun comunicado de prensa. «Tendo en conta que ata o de agora a Xunta de Galicia non recibiu ningún documento que acredite por parte do Concello de Vigo a posta a disposición ao departamento autonómico dos terreos necesarios para a construción dun novo instituto en Navia -tal e como se comprometeu a Consellería e que non se descarta-, o Goberno galego propón a construción dun novo IES nos actuais xulgados da rúa Lalín», asegura a administración autonómica.
Esta declaración chega despois de que o Concello fixese público o protocolo de convenio que xa enviou á Xunta para pactar a construción do IES de Navia en Vigo. A Xunta di agora que «xa leva tempo traballando» coa opción dos xulgados e valora este vello edificio. «Unha iniciativa que permitirá dotar de contido o edificio de máis de 18.000 metros cadrados que quedará libre coa futura Cidade da Xustiza», sinala.
Proposta do Concello
O vello edificio xudicial xa fora proposto polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, como opción para crear un «ágora» que centralizase a mundo da vida cultural da cidade. Ademais, nos terreos situados a carón do inmoble tamén está previsto construír a ansiada Biblioteca do Estado.
«A disposición da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é total respecto a creación de novas infraestruturas educativas en Vigo», sinala. A Xunta aposta agora por un novo instituto nos xulgados, unha zona de Vigo na que xa existen o Santa Irene e o Santo Tomé); todo apunta a que o IES Navia está moi lonxe de ser realidade.