Abel Caballero desprazouse este luns a Madrid, onde se reuniu co director xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, Raúl Medina, con quen analizou o que corresponde á navegación aérea na cidade. Aviación Civil recibiu do rexedor a documentación previa do novo PXOM para a emisión dos informes preceptivos.
Caballero tratou con Medina todo o relativo á Aviación Civil no ámbito vigués, o que inclúe o aeroporto de Vigo e a súa potenciación. O alcalde amosoulle o seu “agrado” polas axudas á navegación aérea que xa funcionan en Peinador e que permiten, con tecnoloxía por satélite, manter a operatividade de voos no aeroporto con normalidade aínda en condicións climatolóxicas adversas.
Respecto aos informes pendentes para avanzar na ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), o rexedor solicitou ao director e ao subdirector de Aviación Civil que aceleren a súa emisión. Caballero indicou que aínda non recibiron a petición da Xunta para o proxecto, polo que entende que o Goberno galego ten paralizada a ampliación.
“Foi unha reunión moi importante e con moito contido”, asegurou Abel Caballero tras a cita na capital de España na que tamén estivo sobre a mesa o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que prepara o goberno de Vigo. “No Plan, algúns dos informes os ten que facer Aviación Civil e ofrecemos xa toda a información, porque sabemos que o Plan de Ordenación, que está nestes momentos xa na preelaboración, vai cumprir con todos os requisitos para algo tan importante como o aeroporto”.
Resposta da Xunta
A raíz das declaracións de Caballero, a Xunta emitiu un comunicado no que sinala que «o alcalde sabe que para solicitar ese informe primeiro ten que acabar o periodo de información pública». Engade o Goberno galego que unha vez terminado o plazo «o Concello debe remitir o proxecto á Consellería de Economía, que a súa vez o remitirá á Consellería de Medio Ambiente, encargada de solicitar os informes correspondentes, entre eles o de Aviación Civil».
Ademais, afirma que a Consellería de Medio Ambiente enviou cartas tanto ao Ministerio de Transición Ecológica como o de Fomento solicitando que, unha vez reciban a petición de informes, axilicen ao máximo os trámites para apurar o proceso. «O periodo de exposición pública acaba o 24 de febreiro e ten 10 días para remitilo a Economía», conclúe.