Soge Culebra, álter ego de Gabriel Gómez, abrirá o vindeiro mércores 19 de febreiro no teatro Vidal Bolaño do campus de Vigo a programación cultural do segundo cuadrimestre. Cun son a cabalo entre o rap e o reggae e con influencias do hip-hip nacional e internacional, o artista murciano de 19 anos achegará o público o seu particular xeito de entender a música, actividade na que comezou moi novo, acandando gran difusión a través dos vídeos que ía pendurando en Youtube, onde conta con preto de 541K subscritores, ao que se engaden as máis de 126 millóns de visualizacións na súa canle.
Pola súa banda, a artista murciana Yana Zarifo e o grupo Presumido, conforman o cartel do Sonora´20, que se celebrará o 25 de marzo, mentres que o Ensaiamos Colleita, coas actuacións das bandas que este ano participan no programa Ensaiamos da Universidade de Vigo, pechará o 24 abril a programación musical deste segundo cuadrimestre. Á musica, sumaranse o teatro e o cine, coa celebración da vixésimo segunda edición da Miteu, no primeiro caso, e coa decimo segunda edición do ciclo Cine e Lingua, nesta ocasión con películas inglesas e italianas en versión orixinal e subtituladas en español, no segundo. Todas as actividades da programación cultural do segundo cuadrimestre que se desenvolverán no teatro Vidal Bolaño e no auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas, no caso do ciclo Cine e Lingua, son gratuítas.
De Soge Culebra a Ensaiamos Colleita, pasando por Sonora’ 20
A actuación de Soge Culebra comezará o vindeiro o mércores 19 de febreiro ás 18.30 horas e nela o artista murciano repasará os temas do seu primeiro traballo discográfico, editado por Warner en 2018, Mar de cristal, así como o seu, polo da agora, derradeiro single, ¿A dónde fuiste?. O artista a quen o portal de referencia da cultura urbana americana Team Back Pack cualificou como o Bob Marley español, daralle a remuda sobre o escenario do Vidal Bolaño o 25 de marzo á artista nada en Ucraína e residente en Murcia Yana Zafiro e ao grupo Presumido.
Yana e Presumido conforman o cartel do Sonora´20, que arrancará ás 17.30 horas coa actuación da música ucraína que non entende de fronteiras nin etiquetas. Así, mestura o castelán e o inglés, a electrónica e o pop de dormitorio, en temas con letras onde brillan a ironía e aliñeación postadolescente, e que Zafiro recompilará no seu primeiro traballo, que se publicará este ano 2020. Pola súa banda, Presumido achegará ao campus vigués o seu novo traballo Cuatro Estaciones, o segundo LP do grupo formado por Tarci Ávila e Nacho Dafonte, que busca explorar novos territorios musicais do pop en español na súa vertente máis electrónica. Así mesmo, o grupo deixará mostra en Vigo da súa capacidade artesanal I+D+i, que lles leva a construír os seus propios instrumentos e luces para acadar o son e a escenografía desexada.
A oferta musical do segundo cuadrimestre no campus vigués rematará o venres 24 de abril a partir das 17.30 horas coa celebración do festival Ensaiamos Colleita´20 no que o protagonismo será para as sete bandas que este curso participan no programa Ensaiamos que promove a Universidade de Vigo, dotando dun local de ensaio ás formacións musicais que a el concorren.
22 anos de Miteu
Á espera de pechar o programa internacional da Mostra Internacional de Teatro Universitario, a vixésimo segunda edición da mostra teatral arrancará o 4 de marzo coa obra da Aula de teatro da USC, En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic. As representacións continuarán o 18 de marzo con As bruxas de Salem a cargo do ESAD de Galicia, e o 1 de marzo será a quenda para a Aula de teatro universitaria de Ourense, Maricastaña, que porá en escena Imperator.
Con textos e posta en escena de Roberto Salgueiro, e un reparto formado por Inma Fernández, Irene Penela, Marta Casais e Antía González, En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pic-nic, a cargo da Aula de Teatro da USC abrirá a programación da Miteu, que continuará o 18 de marzo con As bruxas de Salem, obra orixinal de Arthur Miller, adaptada por Olga Magaña e que será interpretada por un grupo de estudantes de 3ºB de Interpretación Textual e 3º de Escenografía da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Pola súa banda, o grupo Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, representará o 11 de abril Imperator, unha dramaturxia do seu director Fernando Acosta na que se adentra nun mundo de post-verdade no que os grandes señores mudaron argumentos por imbecilidades e no que a intelixencia e o pensamento crítico pasa a ser cousa de culturetas e as institucións democráticas convértense en palacios de emperadores.
Cine e Lingua multilingüe inglés e italiano
A programación do segundo cuadrimestre complétase co ciclo Cine e Lingua, no que o protagonismo será desta volta para producións inglesas e italianas en versión orixinal con subtítulos en español. No auditorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas as proxeccións comezarán o 3 de marzo con Bagdag Café de Percy Adlon e continuarán o 17 de marzo con Grand Budapest Hotel de Wes Anderson; o 24 de marzo con Maudie de Aisling Walsh e o 31 con Stefan Zweig: Farewell to Europe de Maria Schrader.
O 21 de abril comezarán as películas italianas co Una gornata particolare de Ettore Scola e seguirán o 28 de abril con Se dio vuole de Edoardo Falcone, para rematar o 5 de maio con Il divo de Paolo Sorrentino.