As principais consultoras e despachos de avogados do país, algunhas das firmas máis relevantes dos sectores textil, alimentario e biotecnolóxico, entidades bancarias, aseguradoras e organismos públicos participan hoxe mércores e mañá xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na segunda edición de Foro Empleo, unha cita na que ao longo de dous días coinciden decenas de estudantes desexosos de incorporarse ao mundo laboral con múltiples profesionais na busca de novos talentos, canteira coa que inxectar “aire fresco” aos cadros de persoal das súas compañías.
Con postos instalados no vestíbulo central e nos diferentes corredores, a facultade converteuse nun auténtico recinto feiral cun constante ir e vir de persoas, de charlas informais, de entrega de currículos… A actividade só se detivo durante a inauguración do encontro, celebrada a mediodía no salón de actos do centro, ata onde se desprazaron a maior parte dos asistentes, incluíndo tanto o alumnado como os representantes empresariais e as autoridades que non quixeron perderse esta cita.
O reitor, Manuel Reigosa, presidiu o acto e, ao seu carón acompañárono o concelleiro de Cultura, Emprego e Participación Cidadá, Abel Losada, e o decano da facultade, Jorge Falagán. Os tres fixeron fincapé no elevado interese dun foro que pon en contacto ao alumnado que está a piques de titularse co mundo empresarial, “coa vida real á que están a piques de saír”, tal e como subliñou o decano, que loou especialmente a forte implicación dos máis de 50 voluntarios que colaboraron na organización “alumnas e alumnos sen os que nada disto sería posible”.
“Actividades como esta demostran que a de Vigo é unha Universidade moderna, que, ademais de formar aos seus egresados, algo que fai extraordinariamente ben, investiga, transfire coñecemento ao tecido empresarial e preocúpase pola empregabilidade das súas alumnas e alumnos”, salientou Reigosa, quen se amosou especialmente orgulloso dunha iniciativa que naceu no decanato de Ciencias Económicas e Empresariais, pero que agarda “vaia medrando ano a ano”.
Abril, Coca-Cola, Coren ou Mapfre tamén se suman a este encontro
Dentro do sector xurídico o foro conta nesta edición coa participación de tres dos catro mellores bufetes do país –datos extraídos da última edición do ránking internacional Legal 500-, os despachos Uría y Menéndez, Garrigues e Cuatrecasas. E, ao igual ca en 2019, volven contar coa participación de dúas das denominadas Big4, as firmas máis importantes do mundo no sector da consultaría e a auditoría: Deloitte e PwC, ás que se suma este ano a división de Portugal de Accenture Operations.
Entre os diferentes postos chama tamén a atención das e dos visitantes a relevante presencia do sector téxtil coa participación de firmas como Adolfo Domínguez, Bimba e Lola ou a Sociedade Textil Lonia. En total son 35 as compañías que non quixeron perderse a súa participación nesta feira, destacando nomes tan coñecidos como Aceites Abril, Adecco, Artai, Coca-Cola, Coren, Magna Seatings ou Mapfre, que participan por primeira vez neste encontro. “Ademais tamén cabería destacar a presenza de organismos coma o Colexio de Economistas, Anfaco-Cecopesca, ARVI, a Autoridade Portuaria de Vigo e Campus do Mar, que foron algunhas das demanda que nos chegaron dende os decanatos das facultades do ámbito científico”, explica o decano, Jorge Falagán. Precisamente entre os asistentes á inauguración estaban os decanos das facultades de Ciencias do Mar e Química, Miguel Ángel Nombela e Mª de los Ángeles Peña , que salientaron o interese deste evento tamén para o seu alumnado.
Actividades relacionadas co emprendemento e as novas profesións
Ademais dos postos de cada unha das empresas, o programa do foro inclúe múltiples actividades relacionadas coa busca activa de emprego e a situación actual do mercado laboral. Neste sentido están previstas varias presentacións corporativas e mañá xoves pola tarde realizarase un evento sobre futuras profesións e emprendemento, patrocinado por Zendal –marca que integra as empresas do grupo biotecnolóxico de CZ Veterinaria e Biofabri-, no que se falará sobre as profesións do futuro, facendo especial énfase no Big Data.
A esta intervención seguiralle a mesa redonda ‘Novas profesións e emprendemento, como se inflúe desde a universidade’, na que participarán profesionais de distintas empresas que estarán moderados por Pablo Álvarez Freire, adxunto ao director executivo en Zendal. “O que imos facer é aproveitar esta mesa para presentarlle a oportunidade aos alumnos e alumnas da Universidade para que creen proxectos e ideas de negocio, dos que se escollerán catro ou cinco para realizar un taller especial o próximo mes de xuño”, recalca o decano.
O foro pecharase cunha breve presentación e unha charla entre Lalo García Torres, do Hub de Innovación de Galicia, e Jorge Rodríguez, un dos fundadores de ConverFit, unha idea de negocio xestada na segunda edición da aceleradora ViaVigo e que, co tempo, se converteu nunha das máis potentes ferramenta de márketing de personalización, con clientes como Google ou Microsoft.