Poñer en valor as tradicións galegas “desde diversas perspectivas pero ancoradas na actualidade e na vangarda” é o principal obxectivo das novas actividades culturais que a Deputación de Pontevedra organiza na súa sede de Vigo. Así, ata o día 26 de febreiro a institución provincial exhibe unha mostra de Elena Ferro e Paula Ojea, de Vila de Cruces e Nigrán, que o pasado ano recibiron o Premio Nacional de Artesanía polo seu traballo, e este venres 21 de febreiro celebrarase un desfile do traxe tradicional galego, que servirá para amosar a colección da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.
A presidenta provincial, Carmela Silva, salientou hoxe que a exposición de Ferro (que exhibe zocos das súas coleccións e pezas de marroquinería) e Ojea (cerámica) “permitirá ver unha pequena mostra do seu traballo e permitiranos sentirnos orgullosos do talento que temos na provincia pontevedresa, tanto na costa como no interior”. Definiu esta mostra como “dúas miradas de muller mantendo as nosas tradicións no século XXI” e destacou que “o talento está espallado pola provincia e ten nome feminino tamén”. “Visibilizar o seu traballo _subliñou_ fala do feminino e das mulleres ocupando todos os espazos, creando e xerando amais actividade económica”.
Silva destacou amais o feito de que a aprendizaxe do oficio por parte destas dúas mulleres “vén de ser transmitido xeración tras xeración ou tamén doutras mulleres que se dedicaron á artesanía, porque houbo moitas que o fixeron, aínda que os seus nomes son menos coñecidos que os dos seus compañeiros de profesión”. O caso do relevo xeracional é o de Elena Ferro que, como lembrou Carmela Silva, recibiu o pasado ano o Premio Nacional de Artesanía ao conxunto dunha obra consolidada por “resignificar” un produto tan tradicional como os zocos de madeira ”sen arrebatarlle a súa esencia e reinventando o seu uso como complemento de moda con deseños e cores atrevidas, que realmente sorprenden moito”.
Ferro lembrou esa tradición familiar coa que lle foi “fácil aprender”, que iniciou o seu avó no 1915 e continuaron o seu pai e a súa tía no seu obradoiro cando o medio de venta “era ir ás feiras”. Trala decadencia desta tradición a partires dos 70, que fixo que os zocos case desapareceran, ela decidiu recuperala a partir do 1995: “Xa que os zocos protexeran a tanta xente do campo non podían ser tan malos, se protexeron os pés de tanta xente do frío e da humidade, díxenme, teño que intentar que non morra”. Foi no 2010, tras “moitos anos de probas e erros” e tras cambiar a base da madeira dos zocos para adaptala aos novos terreos e facelos máis cómodos, cando frutificou a súa aposta. “A partir de aí xa se pode dicir que é un oficio que non está morto, que continuará _sinalou_. Este premio é un orgullo para a familia e para o rural galego, temos uns oficios tradicionais que non debemos deixar morrer, como toda a nosa cultura e o noso idioma. A cultura enriquece, non empobrece”.
Pola súa banda, Paula Ojea, que como mencionou Silva recibiu o Premio Nacional de Artesanía ao produto pola súa colección Cut & Fold, lembrou os seus inicios na cerámica aos cinco anos da man da súa mestra Emilia Guimeráns, “a miña referente durante toda a miña vida”. Tras deixar a súa afección para estudar Enxeñería Civil na Coruña e comezar a traballar en Nova York, retomouna, “ao darme conta de que era unha disciplina moi versátil que me permitía incorporar a miña visión e experiencia como enxeñeira”. Despois dun tempo compaxinando ambas facetas, decidiu arriscar coa cerámica, e recoñeceu que a súa colección premiada “é a que máis representa a miña aposta por incorporar a enxeñería á cerámica, porque son pezas de corte xeométrico que parece que se inclinan e algunhas parecen inestables, eu lles chamo pezas imposibles.” “Por iso o premio foi aínda máis gratificante, porque foi verificar que foi unha aposta arriscada, pero que vai polo bo camiño”. Engadiu que o seu traballo está inspirado na súa contorna e experiencia, “desde os rañaceos de Nova York ata as cores do ceo en Galicia e os grises da costa atlántica”.
Desfile
No que se refire ao desfile do traxe tradicional deste venres na sede viguesa da rúa Chao, a presidenta da Deputación, explicou que leva por título “Unha ollada polas arcas pechadas”, e mesturará “o carácter lúdico e didáctico coa posta en valor, a conservación e difusión do patrimonio da nosa terra”. Máis polo miúdo, avanzou que na pasarela se amosarán preto de 60 traxes de muller e home da “marabillosa” colección de Sete Espadelas, “de diferentes clases sociais , dos séculos XVIII e XIX e de diferentes comarcas de Galicia, na que reivindicamos a nosa indumentaria e o seu papel como patrimonio inmaterial herdado dos nosos devanceiros e as nosas devanceiras e vencellado á nosa cultura e identidade”. No desfile haberá “verdadeiras xoias antigas”, dixo Silva, que destacou a labor realizada por este colectivo etnográfico, “que temos que recoñecer todos os galegos e galegas, porque fan estudos sobre os traxes tradicionais de diferentes lugares da nosa comunidade e amais e teñen verdadeiras xoias que recuperaron e que estarían perdidas se eles non fixeran ese traballo”. “Amais _engadiu_, despois da análise rigorosa de como eran os traxes tradicionais van facéndoos para que non se perda esa variedade tan rica, que fala dun territorio común pero tan diverso á hora de vestirse tradicionalmente”. Apuntou que a gala, na que ela tamén se vestirá cun dos traxes, “vai deixar asombrado a todo o mundo”.
O tesoureiro de Sete Espadelas, José Luis Rodríguez, subliñou que o desfile exhibirá “tesouros dos galegos e das galegas” e explicou que o nome da pasarela ven “porque as arcas eran os enormes caixóns onde se gardaban os traxes e se abrían só para os días principais da vida das persoas”. Dentro das xoias que amosarán na gala, figuran panos de manila, algúns con 200 anos “e que están en perfecto estado de conservación polo interese das persoas de conservalos porque sabían do seu valor e por deixalos en herdanza”. “Cando sacamos estes traxes á luz e nos demos conta que no pasado houbo distorsións con respecto ao traxe rexional, que era outra cousa _apuntou_ había outras cores, deseños e patróns, a xente sorpréndese. Hoxe, ao achegar á todos un traxe da montaña lucense de Mondoñedo ou da Raia do Miño ou Valdeorras, dámonos conta da riqueza do patrimonio inmaterial da nosa vestimenta”. Rodríguez explicou que desde os seus inicios, a asociación tenta “recuperar pezas antigas, volver a reproducilas e estudalas”. O seu traballo está recompensado con numerosos galardóns, como os 25 primeiros premios do certame anual de Santiago ou os once de investigación sobre traxe tradicional galego. O portavoz de Sete Espadelas engadiu que o pasado ano, a exposición celebrada no Museo de Pontevedra, “Galicia, a terra dos mil panos” recibiu 11.000 visitas só nun mes e vendeu 400 catálogos na primeira semana. “Cada vez temos máis socios que colaboran para facer de modelos, restaurar ou coser”, recoñeceu.