O Consello da Xunta acordou este mércores duplicar a achega económica para executar os accesos da estación intermodal de Vigo. Así, a medida supón un investimento conxunto de 21,4 millóns de euros. Isto comportará que a achega económica da Xunta pasará de 1,7 a máis de 3,4 millóns.
O Goberno galego destaca nun comunicado que autoriza á Consellería de Infraestruturas ásinatura da addenda ao convenio do 31 de maio de 2018 co Concello de Vigo e ADIF. «Tras constatar a suba dos custos da estimación inicial, unha vez finalizados os proxectos construtivos, pola conveniencia de aumentar o alcance das actuacións proxectadas», apunta.
Na addenda ao convenio autorizado polo Executivo galego incorpóranse as novas actuacións que mellorarán o conxunto intermodal. Son a urbanización dos espazos intersticiais e o núcleo de comunicacións intermodal, así como a mellora da urbanización da praza da estación. A finalización das actuacións prevese para o ano 2021.
Avanzando na intermodalidade
En febreiro de 2019, licitáronse os contratos para a obra da terminal de autobuses integrada na nova estación intermodal de Vigo e a parte dos accesos e dos túneles que chegan ata ela, cun orzamento de case 16 millóns de euros e cofinanciado nun 80 % con cargo ao fondo europeo Feder 2014-2020.
Estas obras na terminal de autobuses de Vigo iniciáronse en outubro do 2019 e dispoñen dun prazo de execución estimado de 18 meses.
Coa aprobación do incremento da achega autonómica ao financiamento dos accesos, o investimento na estación intermodal de Vigo acada case os 18 millóns de euros.
En paralelo, as obras do centro Vialia, que inclúe a zona de embarque da estación de ferrocarril, iniciábanse a principios do ano 2019, coa previsión de executalas nun prazo de 24 meses.
Addenda ao convenio
Coa sinatura da addenda do convenio, o Concello de Vigo poderá tamén contratar a execución da parte dos accesos no túnel entre a rúa Lepanto e a AP-9,cofinanciados pola Xunta de Galicia, o Concello e Adif, e cuxa obra está xa en licitación.
Complétanse as actuacións incluídas na addenda coa execución por parte da Xunta dos núcleos de comunicación intermodal. Ademais, por parte do Concello de Vigo será a urbanización dos espazos intersticiais e da praza da estación. Estas intervención están en fase de proxecto e a previsión é inicialas neste mesmo ano.