O Concello de Vigo deu conta este venres do funcionamento do albergue municipal situado na rúa Marqués de Valterra durante 2019, ano no que atendeu a un total de 1.444 persoas en todos os servizos que se prestan neste centro.
En detalle, no Centro de Inclusión e Emerxencia Social durmiron 742 persoas para un total de 12.931 pernoctas computadas no pasado exercicio. O nivel medio de ocupación das camas foi do 93%, ascendendo ao 98,33% nas vacantes para homes e ao 74,11% nas de mulleres.
Ao comedor social acudiron 786 persoas durante o pasado ano e o equipo de rúa -que ofrece bebida quente, mantas e os servizos de Marqués de Valterra ás persoas sen fogar- anotou 758 intervencións en total.
O Concello de Vigo tamén incorpora neste centro un servizo de hixiene, con duchas e lavandería, e unha sala de lecer. No 2019 pasaron polas duchas un total de 680 persoas (para un total de 15.497 duchas computadas) e 504 persoas empregaron as lavadoras (para un total de 4.496 lavados realizados). A sala de lecer acolleu a 20.362 usuarios, dos que 16.579 foron homes e 3.783, mulleres.
Os orzamentos municipais dedican máis de 800.000 euros anuais ao albergue, o único público municipal existente en Galicia, que abriu as súas portas a finais de 2012.