A pasarela “Unha ollada polas arcas pechadas”, coa que a Deputación de Pontevedra quixo poñer en valor o traxe tradicional galego e a súa conservación e difusión, tivo hoxe unha excepcional acollida e desbordou as previsións de afluencia na sede da institución en Vigo, con numeroso público que se achegou á rúa Chao e a súa contorna para seguir o evento. Cunha coidada posta en escena, o desfile desenvolveuse tanto no interior do inmoble como no seu exterior, onde as persoas asistentes puideron seguilo desde cadeiras na rúa e arroupadas con mantas que distribuíu a Deputación. Amais, o evento foi retransmitido nunha pantalla proxectada sobre a fachada para que as persoas viandantes puidesen ver este evento lúdico e didáctico sobre a vestimenta tradicional.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar este “cheo absoluto” nunha “tarde espectacular, onde 60 traxes tradicionais, verdadeiras xoias da nosa vestimenta, percorreron a sede da Deputación”. Silva foi a primeira persoa en desfilar cun dos traxes tradicionais dos séculos XVIII e XIX da colección da Asociación Etnográfica Sete Espadelas que se presentaron sobre a pasarela, e que incluíron vestimentas antigas recuperadas por este colectivo e outras reproducións fidedignas que deseñaron a través dos patróns antigos de distintas comarcas, nun traballo de investigación e recuperación do patrimonio que lle valeu á asociación numerosos recoñecementos na comunidade.
“Creo que a xente quedou marabillada -indicou a presidenta- coas xoias que mostramos e certamente convertemos a rúa Eduardo Chao no epicentro da nosa cultura, e do noso patrimonio inmaterial. E desde logo, o noso traxe tradicional forma parte dese gran patrimonio do que nos temos que sentir tan orgullosas e tan orgullosos. Eu desfrutei moitísimo cun marabilloso traxe de Sete Espadelas co que realmente me sentía como unha daquelas mulleres que vivían na nosa terra hai dos séculos”.
Marcada na historia
A presidenta agradeceu ao colectivo etnográfico a celebración desta pasarela, “que vai quedar marcada na historia da sede da Deputación en Vigo”, así como a presenza do público que encheu o interior e o exterior da sede: “Tiveron que estar no exterior porque o aforo estaba completo e tivemos que dicirlle a moitísima xente que non era posible aceptar a máis persoas -agregou-. Prometemos que haberá máis desfiles e agradecemos moitísimo a presenza de tantas viguesas e vigueses, porque nos enche de orgullo que respondan desta forma a todas as nosas actividades. Certamente, agora a Deputación é de todos os concellos da provincia. E a Deputación de Pontevedra está en Vigo, traballa en Vigo e, desde logo, é de Vigo”. Neste senso, invitou tamén aos e ás cidadás a asistir o luns, día 24, ao acto do Día de Rosalía que se celebrará na sede viguesa desde as 19 h, e que incluirá a “visita” da escritora e o artista Modesto Brocos.
Xunto a Silva tamén desfilaron con traxes tradicionais as deputadas provinciais Victoria Alonso e Isaura Abelairas e os deputados Gorka Gómez e Santos Héctor Rodríguez. Pola súa banda, o presidente da asociación, David Quiñones, exerceu de presentador do desfile e foi relatando as características dos distintos traxes e explicando de xeito pormenorizado a súa orixe, patróns, tecidos e particularidades dos mesmos.
Sobre a pasarela viuse nunha escolma única traxes de garda ou cerimonia de Betanzos, Malpica, Leiro ou Santiago, así como traxes domingueiros de Carballedo, Abadín ou Vila-Santar, e traxes de cotío de Pontedeume, A Limia ou A Pastoriza. En total, os traxes presentados na pasarela reunían 883 pezas de roupa e ourivería tradicional, nas que hai que destacar, por exemplo, algúns mantóns de Manila de 200 anos de antigüidade, que están en perfecto estado de conservación, como destacara o tesoureiro da asociación, José Luis Rodríguez, na presentación do evento.
O público asistente o desfile tamén desfrutou da exposición dos traballos das artesás Elena Ferro e Paula Ojea. Ata o día 26 deste mes as persoas que visiten a sede viguesa poderán coñecer os zocos e as pezas de cerámica que fixeron merecedoras a estas dúas creadoras de cadanseus galardóns nos Premio Nacionais de Artesanía o pasado ano.