“Só vos pido que sigades loitando polo que credes que é xusto. Prometo seguir traballando pola igualdade, seguir aportando o necesario para que a sociedade sexa máis xusta”. Con estas palabras despediuse Isaura Abelairas no pleno ordinario da Deputación de Pontevedra despois de presentar a súa renuncia por mor da súa inclusión nas listas electorais para as eleccións autonómicas do 5 de abril. O asunto foi engadido, como punto extraordinario, na orde do día da sesión plenaria.
Na despedida, Abelairas quixo agradecer ás súas compañeiras e compañeiros a colaboración destes anos e lembrou a necesidade de seguir loitando para conseguir a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, avisou que “vou deixar que as emocións falen tamén”. Carmela Silva, a presidenta provincial, devolveu os agradecementos á deputada pola súa labor realizada: “Quero agradecerlle todo o traballo desenvolvido na área de Igualdade. Isaura é esas mulleres necesarias e a súa tarefa na igualdade é recoñecida. Deséxolle que sexa tan feliz como o foi aquí. vostede é unha loitadora que vai ser capaz de facer fronte a todo o que se lle poña por diante”. A continuación tomaron a palabra Josefa Pardo (PP) e Uxío Benítez (BNG) para desexarlle os mellores éxitos no futuro.
Así, Abelairas deixa o seu posto de responsabilidade como deputada da área de Igualdade, no que leva dende a primavera do ano 2015, cando a presidenta Carmela Silva, no marco de cambio emprendido na xestión do ente provincial, creou a área de Igualdade, que non existía ata entón. Mestra de profesión e directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo dende 1993 ata 2007, Isaura Abelairas conta cunha ampla experiencia política, posto que foi concelleira de Vigo e deputada provincial durante dous períodos (de 1999 ó 2003 e do 2007 ata a actualidade). “Formei parte de proxectos totalmente novos e ilusionantes”, sentenciou.
A acta de deputada provincial pasará a mans de Ana María Mejías, concelleira da área de I+D e Dinamización Administrativa no Concello de Vigo. Licenciada en Enxeñería Industrial pola Universidade de Vigo e experta en organización industrial, é vocal do Estado no Pleno do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Ademais, é profesora titular da Universidade de Vigo dende o 2003 e forma parte do equipo directivo da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.