A Xunta lanzará o vindeiro mes de marzo e ata finais de maio a segunda edición do programa de visitas Coñece Vigo, nesta ocasión con dez novos percorridos que volven a afondar na historia, a cultura, a economía e o patrimonio cultural da cidade.
«A iniciativa, ideada polo Goberno galego en colaboración coa Autoridade Portuaria, xorde da convicción de que a cultura é creadora de identidade e xeradora de inclusión social; e da importancia de afondar na historia común e coñecer o Vigo de hoxe», asegura a Xunta nun comunicado.
Deste modo, tralo programa do 2019, que nos primeiros dez días acumulou 5.000 solicitudes e completou todos os itinerarios que entón ofrecéronse, Coñece Vigo renóvase.
A programación inclúe así dez rutas cheas de segredos, guiadas e de balde, pensadas para os vigueses aínda que abertas a toda a sociedade, especialmente ás asociacións, colectivos sociais e centros educativos. Espazos a través dos que entender a identidade viguesa e os eixos do seu deseño como cidade ou do seu crecemento económico, que pronto estarán a disposición dos cidadáns na páxina web de turismo.gal.
Así, a proposta de As Nosas Orixes, que inclúe ao Museo do Mar de Galicia, permitirá aos participantes viaxar ao pasado para profundar nas raíces castrexas e romanas da cidade; coñecer como vivían os antergos e asistir a unha demostración de artesanía tradicional de palla e silva, material co que se facían os obxectos da vida cotiá hai máis de 2.500 anos.
Os Xardíns de Vigo ofrecerá a posibilidade de coñecer moitas das variedades florais que agroman na cidade cunha ruta que incorpora dúas das zonas verdes de maior relevancia na urbe, os xardíns da Alameda e do Pazo Quiñones de León. O Vigo da Conserva descubrirá o vínculo entre o mundo da conserva e o Vigo de hoxe en día, achegando aos visitantes ao Museo de Anfaco para dar resposta a cal foi a orixe desta industria ou como era o Vigo conserveiro de hai 100 anos e ao Centro Tecnolóxico da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados.
E tratándose de vínculos co sector do mar, non podería faltar A Ría de Vigo, ruta pola que chegaron a cidade fenicios, celtas, romanos, normandos, piratas, turcos e ingleses; O Bouzas Mariñeiro e a súa lenda sobre o Cabaleiro das Cunchas; ou O Casco Vello e o seu nexo histórico co porto e actividade pesqueira.
Non podían faltar na nova programación As Illas Cíes, un dos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, para coñecer todos os detalles da flora, fauna e riqueza natural deste paraíso.
OVigo do Século XIX, da man dunha guía moi especial caracterizada de Irene Ceballos, ilustre veciña viguesa á que lle debe o seu nome o Instituto Santa Irene e asemade esposa de Policarpo Sanz, ofrecerá aos cidadáns unha oportunidade única de coñecer a complexa sociedade desta época. O seu carácter conserveiro fixo que os persoeiros se servisen da arquitectura para reclamar a súa importancia na cidade deixando unha interesante pegada en Vigo, tal e como poderase coñecer coa ruta de A Arquitectura do Século XIX.
E por último, a Ruta Celeste que permitirá coñecer ao detalle todo o que rodea ao Real Club Celta de Vigo, a súa historia, os seus xogadores, o seu museo…
Rutas todas elas que inclúen transporte en autobús ou en catamarán, como o que é necesario para participar en Coñece A Ría de Vigo ou As Illas Cíes, unha excursión que amosará desde o mar toda a actividade pesqueira e industrial.