A portavoz nacional, Ana Pontón, e a número tres pola candidatura de Pontevedra, Alexandra Fernández, compareceron este martes en Vigo para dar conta da incorporación ás listas do BNG da política viguesa. Esta ‘fichaxe’ chega tras un proceso de reflexión que a propia Fernández salientou que ía máis aló do persoal, porque obedece a un proceso colectivo que inclúe a moitas persoas que até agora participaban do espazo político de Anova e das Mareas en diferentes lugares do país.
Fernández explicou o motivo que lle le levou a dar o paso de sumarse ao BNG, tanto a nivel individual como a un colectivo de persoas que no seu momento participaron dentro do espazo de Marea ou de Anova: “A conclusión é que o modelo de entendemento coa esquerda estatal está esgotado”.
“Con ese rumbo claro queríamos sumar, dar un paso adiante e facelo co BNG porque somos conscientes de que o Bloque é a única organización que ten un proxecto alternativo para este país”, recalcou, en relación a súa incorporación e tamén ao apoio dun colectivo de persoas que viñan desenvolvendo o seu traballo político no espazo das Mareas e de Anova en Bueu, Cangas, Vigo, Rianxo, Santiago ou Ferrol.
A candidata número tres por Pontevedra destacou a “xenerosidade do BNG, pola súa vontade integradora que fai máis forte esta candidatura, e cun modelo alternativo para este país que só o BNG é capaz de poñer en marcha”. Igualmente salientou o papel da candidata nacionalista: “Unha muller coas ideas claras e con vontade de diálogo, que encarna moi ben esa nova xeración que quere cambiar o rumbo deste país para poñelo ao servizo das maiorías sociais. Aporto o meu grao de area para sexa a primeira presidenta da Xunta”, concluíu.
Sumar forzas
Pola súa banda, Pontón explicou que a inclusión de Fernández nas candidaturas responde a unha vontade de sumar forzas. “É unha incorporación que parte dunha reflexión persoal pero tamén colectiva na que se fai unha aposta para fortalecer a alternativa que pode cambiar as cousas nun momento decisivo para o país, a alternativa do BNG”, indicou.
Neste sentido, a líder nacionalista agradeceu o paso dado pola exdeputada no Congreso, de quen destacou “a coherencia na defensa de Galiza, sen someterse aos ditados de Madrid, e agora quere contribuír a que toda unha xeración de galegos e galegas podamos mirar o futuro con esperanza. Desde o BNG agradecemos o seu paso adiante para implicarse no cambio galego nun momento no que hai unha gran onda de ilusión arredor das candidaturas do BNG”.
A candidata á Presidencia defendeu a necesidade de “ter resposta propias” ante retos como a globalización, o cambio climático e para construír un país con oportunidade e máis xusto. “Cada vez hai máis xente ilusionada con Bloque e volvemos estar ante a oportunidade histórica de que o nacionalismo teña un papel preponderante para abrir un horizonte de esperanza”, recalcou.
Pontón avanzou que o BNG vai levar a cabo “unha campaña de debate de ideas, de propostas e de ilusión, porque de nada vale a crítica sen alternativas, basta de submisión a Madrid con gobernos que no creen no potencial do país”.