O Concello de Ponteareas informou este martes da apertura do prazo de licitación das obras de humanización e mellora da accesibilidade no contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde.
Segundo informou o goberno local do PSOE e BNG, ata o 12 de marzo ás 14 horas as empresas poderán presentarse a través dun concurso público aberto. A execución deste proxecto contará co financiamento do Concello de Ponteareas e da Deputación de Pontevedra a través do Plan de Remodelación e Mellora de Seguridade dos Viarios Municipais. Terá un orzamento de licitación de 526.614,11€ (ive incluído), dos que a organismo provincial aportará 421.291,29€ e o Concello outros 105.322,82€.
As obras suporán a transformación completa de todos os espazos públicos situados entre o complexo deportivo e as estradas que o rodean: N-120, estrada Ponteareas-Mondariz e acceso ao centro de saúde. «Combinaranse amplos espazos verdes e arborados con zonas de estacionamento e executaranse novas beirarrúas e melloras da seguridade viaria renovándose os accesos ao centro de saúde e á zona deportiva da piscina e pavillóns», sinala o goberno.
O alcalde, Xosé Represas, e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, consideran que esta nova obra constitúe !un exemplo máis do cumprimento de compromisos adquiridos» coa cidadanía. «Mellora o entorno para ser desfrutado polas persoas e ofrece así unha cidade na que cada día se mellora a calidade de vida convertendo Ponteareas nun concello no que vivir», aseguran.
A actuación persigue tamén facilitar a mobilidade desde o regato da Venda cara o río Tea e a súa senda e mellorar o aspecto e a estética urbana dunha das principais entradas á vila de Ponteareas. Con ese obxectivo tamén se eliminará a construción adicada antigamente a posto da Cruz Vermella e despois a oficina de turismo, edificación que se atopa en estado ruinoso afeando a zona.