Vitrasa porá en marcha este xoves 5 de marzo diversas ferramentas co obxectivo de informar aos usuarios dos cambios de liñas con motivo da construción do túnel de Porta do Sol. En concreto, na páxina web da compañía figurará unha alerta en cada liña afectada que remitirá ao horario e novo itinerario no caso de que se modifique.
Ademais, enviarase un correo electrónico a todas as asociacións de veciños da cidade cun enlace ás liñas que dan servizo á súa zona cos novos percorridos e horarios. Do mesmo xeito, nos autobuses repartiranse máis de 10.000 folletos informativos cos novos itinerarios e os correspondentes horarios e colocarase no interior de cada autobús un plano cos itinerarios e paradas.
Entre este domingo e o luns cambiarase a información (percorridos e horarios) en todos os postes de parada e marquesiñas e a partir do luns día 9 a páxina web estará actualizada, así como a app municipal Vigo e a aplicación Moovit. Ademais, habilitaranse liñas de información telefónica a través do número 986 291 600 para atender ás dúbidas dos usuarios.
Trocos de liñas
En total, veranse afectadas 17 liñas que realizarán desvíos alternativos e para o que será preciso crear novos puntos de subida e baixada de viaxeiros. En concreto, durante o tramo do corte de tráfico anularanse un total de seis paradas.
As paradas canceladas desde Paseo de Alfonso a Policarpo Sanz son: Paseo Alfonso 15, Policarpo Sanz 12, Policarpo Sanz 16 e desde Policarpo Sanz a Paseo de Alfonso son: Policarpo Sanz 15, Porta do Sol e Paseo de Alfonso.
Así, instalaranse novas paradas en: Policarpo Sanz 26, Colón 26, Policarpo Sanz 23, Pi i Margall 7, Pi i Margall (antigo asilo), Praza do Rei (Concello), Camelias (Concello), Praza de Compostela 35 e enfronte.