O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) acolle desde este venres a mostra “No, aún no”, da artista Yolanda Herranz, catedrática de Escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. A mostra estará aberta ata o 14 do xuño no primeiro andar do museo vigués.
Miguel Fernández Cid, director do MARCO e tamén comisario da mostra, destacou que a exposición céntrase nas obras nas que a artista “xoga co sentido e forza dos conceptos, convertendo a palabra en dimensión e enerxía escultórica”.
Arrinca coa serie «El mí y el tú», do seu proxecto Distancias y abismos (2004-7), no que “a rotundidade da mensaxe se une a unha refinada claridade visual”. Destacaron tamén o comisario que “o xeito de resolver a obra ten algo de baixorrelevo, de relato obxectivo”. Xunto a ela, a versión XVI de Destierros (proxecto aberto en 2003) “evoca ausencias e reclama presenzas. A idea dos pasos perdidos, do camiñar errante, da busca de destino, da soidade no grupo… da identidade”.
«Priorizar a igualdade»
“Con esta mostra arrancamos priorizando a igualdade, esta revolución transversal que é a incorporación da muller a sociedade activa, un lugar que sempre debeu ocupar”, sinalou o alcalde Abel CAballero durante o acto de apertura da exposición, no que tamén estiveron presentes a propia artista, o concelleiro Abel Losada e os comisarios da mostra, Miguel Fernández Cid e Pilar Souto.
Caballero incidiu no feito de que “con esta exposición iniciamos unha forma distinta e nova de dar contido a este contedor, unha senda diferente con esta modernidade na forma de entender esta sala”. A mostra estará aberta ata o 14 do xuño no primeiro andar do museo vigués.
Tras a presentación, foi a artista a que levou a todos os presentes a través da súa obra nun percorrido pola galería B1 e a sala perimetral do MARCO.