Evaristo Pereira de la Torre, ilustrador vigués e colaborador de VIGOÉ, e o encargado este ano de deseñar o cartel da Festa da Reconquista. E foi este luns cando o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da asociación veciñal do Casco Vello, José Fumega, foron os encargador de desvelar este luns o cartel da edición 2020 da festa.
O alcalde valorou un deseño que “mostra o carácter e a forza da cidade” e reflicte “moi ben o sentimento da cidade, o carácter e a determinación de Vigo”. A edición deste ano será a primeira desde que a Reconquista fose declarada o pasado verán como Festa de Interese Turístico Nacional.
A Reconquista este ano prolongarase durante catro días, desde o xoves 26 -cando os máis pequenos celebrarán a “Reconquistiña”- ata o domingo 29 de marzo. O mercado contará con 250 postos, segundo informaron os poñentes, quen avanzaron que en próximos días se revelará o programa completo deste ano.
Novidades en 2020
Nesta edición da Reconquista de Vigo, que este ano estrea a súa distinción como Festa de Interese Turístico Nacional, sumará dúas novidades máis en 2020. A primeira, que adiantará a data da apertura do seu mercado tradicional. A segunda, que concentrará as dúas representacións que levan a escena –a destitución do alcalde e a expulsión dos franceses- no mesmo fin de semana.
Así, a organización, centralizada na Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, tentará aproveitar o tirón que ten a zona antiga da cidade os venres pola tarde e dará por inaugurados os postos o 27 de marzo ás 18:00 horas. Ese día permanecerán abertos ata as 23:00 horas e retomarán a súa actividade o sábado, que será festivo, ás 11:00 horas.
Durante a xornada grande poderanse gozar dos choripanes, bebidas e demais oferta gastronómica e cultural case ata a medianoite (23:30 horas). Mentres, o domingo 29 de marzo o horario limitarase lixeiramente, entre as 11:00 e 22:00 horas.
Ademais, aínda que inicialmente estaba previsto que a destitución de Vázquez Varela -que se recuperou o ano pasado- levase a escena o venres, finalmente trasladouse esta representación ao sábado (18.00 horas). Só 24 horas despois a poboación de Vigo sublevarase contra o inimigo invasor e botarao da cidade.