Este primeiro paso resulta indispensable para poder levar a cabo o expurgo, un proceso complexo cuxa tramitación leva meses, polo que desde Xustiza destacase a colaboración destes órganos xudiciais. Esta previsto que a actuación continúe en xaneiro, coa retirada de máis material no resto de xulgados penais vigueses.
Tras a gravación de expedientes, o seguinte paso será a realización dun estudo das series documentais e dos organismos produtores por parte do persoal técnico de arquivos e a súa remisión á Xunta de Expurgo, xunto cun informe da Consellería competente en materia de patrimonio documental.
Posteriormente, a Xunta de Expurgo emitirá un acordo no que se determine o destino final da documentación e publicarase no DOG e en prensa, dando un prazo de dous meses para que as partes interesadas do procedemento poidan solicitar documentación. Finalmente, procederase á destrución ou envío dos expedientes a un arquivo histórico, cando se aprecie interese documental.
Máis espazo nos xulgados
O ano pasado a Xunta puxo en marcha o proceso de expurgo que permitirá aos xulgados galegos gañar ata un 75 por cento de espazo nas sedes xudiciais galegas e conservar adecuadamente os documentos con valor histórico.
Ademais, mediante o expurgo tamén se facilita o acceso á documentación nos arquivos xudiciais, hoxe en día desbordados, configurándose este proxecto como un un paso máis dentro do obxectivo de modernización da nosa Administración de Xustiza no que traballa a Xunta dende a lexislatura pasada.
Nas dependencias xudiciais de Vigo xa foron liberadas 32 toneladas de documentación existente nos depósitos xudiciais. Tamén foron retiradas 50 toneladas de pezas de convición dos xulgados olívicos que foron enviadas a Sogama para a súa destrución.
En Galicia existen 50 arquivos xudiciais, os do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as catro Audiencias e os 45 partidos xudiciais; algúns deles con expedientes que datan do seus inicios a comezos do século pasado. Estimase que en total estean almacenados uns 3 millóns de expedientes, con máis de 150 millóns de folios.