O anuncio feito este luns polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, sobre a modificación do proxecto de Porta do Sol xerou varias reaccións en contra. Tanto a Marea de Vigo como o BNG, con representación no Concello, mostraron este martes a súa oposición. Pero tamén o colectivo Vigo Histórico, en contra desde o inicio do túnel baixo a centro da cidade, alerta do dano ao Patrimonio Cultural.
Por un lado, a asociación Vigo Histórico fixo público o seu informe no que denuncia os danos provocados pola obra de “peonalización” no centro da cidade. «El objetivo último es buscar la opinión y apoyo de otras entidades y personas vinculadas al Patrimonio. En última instancia, se pretende denunciar el cúmulo de defectos del proyecto que lo hacen inviable y lograr la paralización definitiva de las obras y la ejecución de otras medidas para la peatonalización», aseguran.
Despois de relatar no seu comunicado todas as accións que xa levaron a cabo durante os últimos meses, apuntan que confían agora na presión pública. «Hasta el presente, ninguna de las iniciativas ha logrado frenar un proyecto de la gravedad de lo que se describe aquí. Y por lo tanto, se confía en la denuncia pública y el movimiento ciudadano para frenar este sinsentido», engaden.
Pero non foron os únicos que se mostraron contrarios ao proxecto. O grupo municipal da Marea considerou «delirante» que unha prolongación dunha infraestrutura que vai alterar o ámbito aprobado sexa imputada a custe do Concello e non mediante convenio urbanístico en todo caso co promotor privado do Barrio do Cura.
Marea de Vigo afirma que a figura anunciada polo alcalde do «modificado» para a ampliación da obra do túnel «so pode ser admitida en supostos excepcionais como contratos menores, negociados sen publicidade e modificacións contractuais, pero nunca nunha obra nova, que tería que ter licitación separado polo seu elevado importe» Rubén Pérez lembra ademais que «o modificatorio só pode ser por o 20% do valor do contrato e de superalo sería unha adxudicación ilegal».
Para o voceiro da Marea, Rubén Pérez, o que anunciou o alcalde «non está suxeito a ningún suposto dos recollidos nos artigos 204 e 205 da Lei de Contratos do Sector Público, xa que as modificacións previstas nos pregos de cláusulas administrativas particulares deixan claro que o contrato, neste caso subscrito coa empresa gañadora da licitación, só pode modificarse ate un máximo do 20% do prezo inicial e que e ningún caso os órganos de contratación poderán prever no prego a alteración da natureza global do contrato».
Do mesmo xeito, consideran que «segundo os pregos, as modificacións terán que ser xustificadas e reguladas tal e como figura no artigo 205: xustificar as obras como imposibles de licitar de novo, a exclusividade do contratista, dificultades técnicas imponderables, etc… feitos que non se dan en ningún suposto da licitación inicial do túnel».
«Un absoluto disparate»
E tamén o BNG de Vigo mostrou a súa oposición ao modificado da obra. O concelleiro Xabier P. Igrexas afirmou que o mesmo supón recoñecer que «o túnel deseñado era un absoluto disparate que tronzaba Elduayen e que inviabilizaba a peonalización do Paseo de Afonso tal e como advertiramos desde o BNG».
Neste sentido, Igrexas lamentou que Abel Caballero en lugar de rectificar opte «por multiplicar a equivocación facendo máis longa e profunda a navallada que representa un túnel a todas luces innecesario e inxustificado» e criticou a «improvisación descomunal» coa que se está a xestionar o proxecto.
O portavoz municipal nacionalista subliñou que existen alternativas técnicas que permitirían a peonalización completa, coa que o BNG expresa o seu absoluto acordo, sen ter que acometer unha actuación tan agresiva como un túnel. Igrexas demandou ao Goberno local que paralice a execución das obras para «estudar outras alternativas», sinalando que inda se está a tempo de evitar unha «actuación irreversíbel» e que supón tamén importantes riscos en materia de protección do patrimonio histórico nunha contorna con abondosa presenza de xacementos e restos.