A Deputación de Pontevedra activou este mércores o Comité de Seguimento pola crise do coronavirus, que avaliará diariamente as medidas que, baixo o principio de prudencia, o goberno provincial vén de poñer en marcha e das que informou directamente á toda a corporación e aos sindicatos.
A presidenta, Carmela Silva, asinou unha resolución presidencial para a creación do comité e para activar un protocolo e un amplo programa de medidas que xa se implantou desde o pasado día 9 de marzo cara á protección das traballadoras e traballadores da institución así como de prevención para a cidadanía.
Do meso xeito, o organismo decidiu aprazar eventos e actividades de carácter masivo previstos para este mes de marzo, aínda que non se descartan novas medidas en función da evolución da crise. Respecto ao público en xeral, a Deputación de Pontevedra aconsella á cidadanía que evite as consultas presenciais nas sedes e dependencias da institución e que utilice as canles informáticas e telefónicas para calquera consulta, unha recomendación que se está a facer ao través da web da institución e das súas redes sociais.
Amais, caso que a administración autonómica ou estatal tome algunha nova decisión respecto ao peche de centros educativos ou de maiores, a institución provincial estudará medidas que permitan a flexibilidade horaria das traballadoras e traballadores.
Entre as primeiras decisións destinadas ao persoal, remitíronse desde hai unha semana toda a información oficial de sintomatoloxía e medidas de prevención individual para evitar o contaxio do coronavirus. Igualmente, colocáronse paneis explicativos nos servizos de aseo da institución coa normativa de hixiene para o lavado das mans, datos que se están a trasladar tamén aos concellos.
Estanse a instalar dispensadores de hidroxel en centros en dependencias de atención ao público da Deputación, dispensadores igualmente situados na zona de fichaxes de traballadoras e traballadores. Será obrigatoria a súa utilización despois da impresión dixital de entrada e saída das dependencias provinciais. Igualmente, cara ao persoal da institución provincial, serán canceladas todas aquelas reunións, cursos e actividades de grupos de carácter masivo, e os desprazamentos e viaxes que non sexan de estrita necesidade. Amais, os servizos de limpeza das sedes de Pontevedra e Vigo están a realizar desde onte a desinfección diaria do material, mobiliario e instrumental.
Centro Príncipe Felipe
Mención aparte merece a atención no Centro Príncipe Felipe onde un comité específico está a avaliar diariamente as medidas e o seguimento da crise. Ata o momento os e as educadoras están a remitir aos menores que extremen as medidas de hixiene; o persoal médico ten a indicación de adquirir o material necesario para atender calquera incidencia; e xa está designada unha zona de illamento por se chegara unha situación de contaxio. Tamén se remitiu unha carta á Dirección Xeral de Política Social solicitando información sobre medidas a implantar nos centros de menores.
En canto aos cursos e probas selectivas, manteranse aquelas que non sexan de carácter masivo, (por enriba de 10 persoas) coas necesarias medidas de separación. Así mesmo, no caso da Liña 3 de emprego do Plan Concellos, remitirase aos municipios que as probas de selección se fagan de xeito o máis individualizado posible, nas mesmas condicións que fai o ente provincial.
Nos programas sociais, sobre todo os destinados ás persoas maiores, a Deputación xa decidiu pospor as actividades lúdicas do programa de teleasistencia na provincia. Amais, os programas Depo en Marcha e En Ruta coa Depo en principio non deberían verse afectados xa que o seu inicio está previsto para próximos meses, aínda que se especifica que todo decidirase en función da evolución do coronavirus. O programa Depotermal si que se verá modificado, xa que as primeiras quendas estaban previstas para a primavera. A intención es aprazar todas as saídas ao segundo semestre do ano.
Respecto aos actos, o goberno provincial decidiu hoxe a cancelación de todos os eventos de carácter masivo previstos para este mes de marzo, que serán aprazados a datas posteriores en función da evolución da crise na nosa comunidade.
Entre os eventos cancelados están a Gala de Turismo, prevista para o 25 de marzo que será aprazada en principio ao mes de maio, ou a Xornada sobre a Axenda 2030 no Ámbito Local que, organizada coa Fundación Democracia e Gobierno Local, estaba programada para este xoves na sede da Deputación en Vigo. Da mesma forma, cancélase a Xornada sobre Tic Emprendes, prevista para este vindeiro venres; a presentación dos proxectos de DepoEmprende na FP; a presentación do libro de María Vinyals; as xornadas de sensibilización do SICTED; e estudiaranse medidas para separar os grupos do próximo Coworking no Viveiro de Barro.
A inauguración prevista para este xoves da exposición ‘Debuxantas’ no Museo de Pontevedra quedou cancelada para evitar aglomeracións de público, pero a mostra si se poderá visitar. O centro artístico seguirá coas súas actividades programadas e habituais, que poderán ser obxecto de modificación en función da evolución da crise.
Erasmus en Italia
Respecto á situación dos e das 15 estudantes Erasmus que están en Italia, a Deputación está en contacto diario con eles e elas para trasladarlles as instrucións do Servicio Español para a Internacionalización de la Educación (SEPIE). Ata o momento só dous alumnos solicitaron o seu regreso, pero de momento as autoridades italianas e as medidas adoptadas onte en España impiden a súa saída. Ademais, seguindo as recomendacións do SEPIE, a Deputación pospón próximas mobilidades do programa.
Polo demais, os castelos de Soutomaior e Sobroso seguirán de momento abertos ao público, aínda que se seguirá diariamente a evolución da crise para tomar calquera decisión. De momento, a Deputación xa está a revisar todos os grupos programados para evitar que coincidan, e se están a extremar as medidas de hixiene.
En canto ás actividades deportivas a súa realización estará condicionada ás decisións das Federacións deportivas na provincia que, no caso do fútbol, si afectarán aos partidos da Copa Deputación, previstos para os próximos 15 días.