O Concello de Ponteareas lembra que este xoves, día festivo, os motivos para saír de casa e circular por espazos públicos son mínimos e cinguidos a cuestións excepcionais como acudir á farmacia ou mercar pan, facéndoo ademais de forma individual.
A Policía Local veu detectando nesta mañá movementos de vehículos e persoas non autorizados polo que lembran que non están permitidos os desprazamentos nin viaxes para acudir a outros domicilios para encontros familiares. Tampouco se permite acudir a espazos públicos e paseos como o Regato da Venda, A Freixa ou a senda do Tea.
En canto ás saídas con cans á vía pública debe facerse polo tempo mínimo imprescindíbel e sempre nas inmediacións do lugar de residencia, sen que se poda utilizar dita saída como excusa para realizar paseos a lugares distantes. O Concello advirte que o incumprimento destas normas conlevará a identificación e denuncia dos infractores.
Durante todo o día a Policía Local realizará controis continuos en diferentes puntos de Ponteareas para comprobar que as persoas e vehículos que circulan o fan amparados nos supostos permitidos e cumprindo coas normas aplicabeis a ditos desprazamentos. A Policía Local agradece a colaboración cidadá das persoas que veñen informando de incumprimentos por parte de persoas que non respectan as normas de prevención establecidas nesta crise sanitaria.
O Concello lembra que as medidas excepcionais adoptadas están pensadas no interese xeral e pretenden frear a extensión do Covid-19 polo que a norma é non saír de casa e facelo só nos casos permitidos e cando non haxa ningunha outra alternativa. Lémbrase igualmente que a circulación só se pode facer de maneira individual. O incumprimento destas normas supón poñer en perigo ao conxunto da cidadanía polo que é un acto irresponsábel e insolidario cara a maioría social que cumpre as normas, ademais de ser sancionábel.