A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 721, deles 195 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 74 da de Ourense,112 da de Pontevedra, 152 da área de Vigo, 108 da de Santiago, e 26 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 28 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 6 altas de pacientes e 12 falecementos.
Os tres últimos foron o dunha muller de 68 anos e dous varóns de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC. Todos tiñan patoloxías previas. O número de probas (PCR) realizadas é de 4.137.
Uso do 061 para casos graves, 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.