Abel Caballero agradeceu e recoñeceu este luns o “civismo” da “inmensa maioría da cidade” no cumprimento das normas do estado de alarma, mais lamentou o “significativo” número de denuncias interpostas: 34 este domingo. Para salientar a actitude predominante da xente que se está a quedar na casa, o rexedor vigués ofreceu datos ilustrativos sobre o tráfico nos accesos da cidade.
A modo de exemplo, apuntou que a circulación rexistrada na avenida de Madrid este domingo caeu un 90% co respecto ao 8 de marzo. Nos carrís centrais da avenida, este 22 de marzo circularon 697 vehículos polos 6.899 do domingo 8, unha baixada que cualificou de “extraordinaria”. Polos viais laterais de acceso, a caída foi do 86%: pasaron onte 1.465 vehículos, cando dúas semanas antes superaron lixeiramente os 10.000.
O descenso rexistrado no tráfico é “moi importante”, subliñou o rexedor, quen trasladou novamente o seu “agradecemento e felicitación” aos que manteñen un comportamento civilizado, recordou que “temos que quedar na casa” e advertiu de que continuarán os controis a persoas e vehículos: “Está en xogo a saúde da xente e non imos deixar que ninguén atente contra a saúde colectiva”.
O rexedor vigués deu conta do resultado dos controis realizados en Vigo o día anterior polo exército e as policías Local e Nacional, que se saldou con 34 persoas denunciadas por incumprimento do confinamento decretado no estado de alarma, estando algúns de paseo ou incluso de festa.
O número de sancións está a ser “significativo”, en palabras de Caballero, quen advertiu ao “incívicos”: “Poñen en risco a súa saúde e a saúde dos demais; non imos toleralo”.