O Concello de Vigo animou a solicitar apoio económico a todas aquelas persoas que teñan dificultade para comprar alimentos. A través do 010, o Goberno local entregará axudas e incluso realizará a compra a todos aquelas cidadáns que o precisen. “Ninguén desta cidade vai quedar sen alimentos”, asegurou o alcalde, Abel Caballero.
A administración local vén de implantar un dispositivo de reparto de comida a domicilio para as familias máis vulnerables e persoas maiores. O programa pretende evitar que as familias se vexan obrigadas a saír das súas casas e acudir aos comedores sociais e, deste xeito, permitir que cumpran coas medidas de confinamento para evitar contaxios.
O Concello repartirá a comida a domicilio en oito furgonetas antes das 15.00 horas, incluídas as fins de semana. A comida será elaborada e envasada en recipientes polos comedores sociais da cidade.
Este servizo farase extensivo ás persoas sen fogar que foron recolocadas en hoteis e hostais, para evitar que teñan que saír estes establecementos.A iniciativa atenderá nun primeiro momento a 150 familias, para ir incrementándose a todos os usuarios de comedores sociais.
Respecto das persoas sen teito, desde a declaración de emerxencia, o Concello aloxou a un centenar de persoas. 38 están no albergue municipal, 38 na Fundación Santa Cruz e 24 en hoteis ou hostais. Neste punto, o rexedor recoñeceu que existe unha dificultade dado que a normativa estatal obriga a estes establecementos a funcionar a un terzo da súa capacidade polo que podería haber problemas de espazo. En caso de que fora preciso, o goberno local habilitaría un pavillón para acoller a estas persoas.