O Concello de Vigo xa repartiu este martes un total de 397 comidas a domicilio para evitar que as familias con máis necesidades teñan que saír das súas casas e ir aos comedores sociais. Compre lembrar que o alcalde, Abel Caballero, anunciara esta semana o inicio destas entregas dentro das axudas sociais que se están a implantar ante a crise sanitaria existentes.
Así, o servizo de Benestar Social continúa co sistema de reparto de comida e a medida que avanza aumenta o número de entregas realizadas. O pasado luns foron 200 e este martes xa aumentaron a case 400. Comedor da Esperanza, Misioneiras do Silencio e comedor do albergue municipal son os encargados de preparar as comidas e posteriormente o Concello leva a cabo os envíos con oito furgonetas.
Por outra banda, Caballero tamén explicou que o Goberno local xa repartiu as becas de comedor de 50 euros por fillo a un total de 1.033 familias cun custe de 51.000 euros. Trátase das axudas mensuais que se facían efectivas a través de centros escolares e que agora se están a entregar directamente ás familias. “Se alguén sabe de situacións así que avise de forma inmediata ao 010 para que lles facilitemos a beca, ningún neno da cidade vai a quedar sen a súa comida”, sinalou.
Ademais, o rexedor estendeu este mércores os agradecementos feitos o día anterior a empresas e particulares que están realizando doazóns á cidade con material sanitario. Así, mencionou o material sanitario que ofrecen a Clínica Susana Santeiro, a concesionaria da Escola Infantil dos Miragres e CdC, así como os alimentos que doa Delikia.
Ao igual que o martes, recoñeceu as iniciativas de Autocares Estévez Avión, Raquel González, Asociación contra el Cáncer, Adicam e Wofo-Pescado Congelado, Coca Cola, Nueva Pescanova, Halcourier Vigo, Kebel Logistics, Hotey B&B e Agustina Amoedo, Inés Escribano, Susana Pena, Vicente Ferrer e María Luisa Blanco).